ABANCA e Afundación presentan en Pazos de Borbén «Auga. O sangue da terra», unha invitación á reflexión para un mundo sostible
«Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel é unha invitación á reflexión sobre o impacto da actividade humana e a necesidade perentoria de incorporar a sustentabilidade á nosa forma de vida. Desde hoxe pode visitarse na Casa do Concello de Pazos de Borbén, que acolleu hoxe a presentación deste proxecto expositivo, que poderá visitarse ata o próximo 11 de outubro, de luns a venres de 08.00 a 15.00 h.
A iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Pazos de Borbén, ABANCA e Afundación, institucións que estiveron representadas por Xosé Luciano Otero Camiña, alcalde de Pazos de Borbén; Francisco Javier Varela Vara de Rey, director da oficina de ABANCA en Pazos de Borbén; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores Fernández.
Esta proposta é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
Así mesmo, para favorecer a divulgación e a participación activa, a área de Cultura da Obra Social de ABANCA programa durante todo o ano exposicións de contidos ambientais nas propias sedes de Afundación, en espazos exteriores e nos concellos participantes no programa «Corrente cultural». O obxectivo é facer un chamamento á acción e á reflexión, apreciando a diversidade da natureza desde moi diferentes enfoques e asumindo a responsabilidade da súa conservación.
Esta mostra enmárcase no programa social «Cultura por alimentos», que anima o público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local.
As imaxes están dispoñibles aquí.
«AUGA. O SANGUE DA TERRA»
Na exposición realízase un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.
«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.
«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.