
ABANCA e Afundación finalizan a entrega de 6500 menús especiais a familias vulnerables para Noiteboa e Nadal
23.12.2020. ABANCA e Afundación concluíron este mércores a primeira fase do programa social «Cubertos Nadal» coa entrega de 6500 menús especiais a familias vulnerables para contribuír a que poidan gozar do espírito de Nadal en Noiteboa e Nadal. O repartimento realizouse nas sete cidades galegas con maior poboación en colaboración con concellos e entidades sociais, en función da localidade.
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, quíxose sumar a esta iniciativa solidaria no punto de recollida habilitado na sede de Afundación en Ferrol, onde participou, xunto con outros voluntarios do banco e Afundación, na distribución das comidas elaboradas pola empresa especializada e as sorpresas dirixidas aos máis pequenos nos carros da compra que despois se entregaron ás familias.
«Cubertos Nadal» prolongarase ata o próximo 7 de xaneiro co repartimento doutros 10 269 menús dirixidos aos menores destas familias desfavorecidas. O obxectivo é garantir a estes nenos e nenas unha alimentación saudable durante as vacacións escolares.
O programa é parte das accións solidarias postas en marcha este Nadal por ABANCA e Afundación co fin de contribuír a que naqueles fogares que se viron especialmente afectados pola crise provocada pola covid-19 se poida vivir tamén o espírito de Nadal.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.