
ABANCA, Afundación e o Concello de Outes presentan a exposición «Nós tamén fomos emigrantes»
O Concello de Outes, ABANCA e Afundación presentan a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX». O acto de apertura tivo lugar esta na Sala de Exposicións da Casa da Cultura, e contou coa asistencia de Manuel González López, alcalde de Outes; Xosé Manuel Ramos Caamaño, concelleiro de Cultura, Mocidade e Voluntariado; José Manuel Vilariño Orgeira, coordinador institucional de ABANCA na Coruña; Natalia Gómez Cambón, directora da oficina de ABANCA de Outes; e a coordinadora adxunta de Cultura de Afundación, Paloma Vela. Poderase visitar ata o vindeiro 3 de decembro de luns a venres de 9.00 a 14 horas e de 17.00 a 20.00 horas, e sábados de 11.00 a 13.00 horas.
As imaxes están dispoñibles na seguinte ligazón.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.
Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.