ABANCA, Afundación e o Concello de Neda amosan «Nós tamén fomos emigrantes»
ABANCA, Afundación e o Concello de Neda inauguraron esta a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX», que se poderá contemplar no Centro Cívico Ramón Millarengo ata o 5 de xaneiro, de luns a venres de 10.00h a 12.00 h e de 16.00 h a 20.00 h. Ao acto asistiron Ángel Alvariño Saavedra, alcalde; José Manuel Vilariño, coordinador institucional de ABANCA; Begoña Caamaño Ferrio, directora de zona de ABANCA; Juan José López Villadóniga, director da oficina en Neda de ABANCA; e Verónica Rego López, coordinadora de Relacións Institucionais de Afundación.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.