
ABANCA, Afundación e o Concello de Taboada asinan un convenio de colaboración cultural
ABANCA, Afundación e o Concello de Taboada asinaron esta mañá un convenio de colaboración cultural mediante o cal as tres entidades levarán a cabo a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española non século XX», que se poderá contemplar desde o 15 de marzo ao 17 de abril. Á sinatura asistiron Roi Rigueira Agromartín, alcalde de Taboada; Óscar Rodríguez Rodríguez, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo; e a directora da oficina de ABANCA, Graciela Armesto.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoperiodistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.