A Xunta e Afundación reivindican a Galicia urbana cun ambicioso proxecto de sete exposicións
O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente de Afundación, a Obra Social de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, presentaron esta mañá «Cidades no tempo», proxecto expositivo co que ambas institucións pretenden poñer en valor a identidade urbana de Galicia. Esta proposta, unha das máis complexas e ambiciosas organizadas na nosa comunidade nos últimos anos, está composta por sete mostras diferentes, unha por cada unha das principais cidades galegas.
Este novo proxecto cultural reivindica a Galicia urbana como compoñente clave da identidade galega, cun legado que se remonta séculos na nosa historia. Así, explora a singularidade de cada unha das cidades, diferentes entre si, pero á vez fortemente conectadas.
«Cidades no tempo», un dos grandes proxectos do Xacobeo 2021-2022, está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, a Obra Social de ABANCA. As sete mostras exhibiranse nas sedes de Afundación nas principais cidades galegas e desenvolveranse de xeito sucesivo, iniciándose o proxecto este venres coa inauguración de «Santiago de Compostela no tempo». Unha vez clausurada en Compostela, continuará coas mostras de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e finalmente Ourense, nun calendario que chega ata o 2024.
As imaxes, e o dossier do proxecto están dispoñibles aquí e o discurso do presidente de Afundación está dispoñible aquí:
Unha experiencia interactiva
«Cidades no tempo» propón un itinerario multimedia pola cidade como espazo habitado, vivido e construído máis alá das propias trazas urbanísticas: territorios urbanos con arquitecturas, culturas, identidades visuais e narrativas singulares, e que foron conformándose no tempo.
Para amosar e comprender todos estes procesos bota man de recursos diversos como son os modelos tridimensionais, obxectos históricos, documentos escritos (planos, deseños, proxectos) e audiovisuais, fotografías, ilustracións ou obras de arte. Todos estes elementos distribúense a través das seccións Mitos e orixes, Tramas, Escenarios, Padróns, Cidade narrada e Cidade que nos contamos.
Extenso equipo de expertos
Comisariada por Manuel Gago, o proxecto é o resultado da colaboración dun equipo de traballo que implica a máis de sesenta profesionais, entre asesores, coordinadores e membros dos comités científicos locais, expertos procedentes de eidos tan diversos como a Xeografía, a Antropoloxía, a Filoloxía, a Arquitectura, a Comunicación ou a Historia; aos que hai que sumar os equipos de produción audiovisual, arte e contidos interactivos.
Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, dirixe a plataforma de divulgación cultural culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega e é profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Tras comisariar exposicións como «Galicia, un relato no mundo» ou «Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura», sitúase agora á fronte dun dos proxectos expositivos de maior complexidade técnica, contribuíndo a facer visible o traballo de décadas de investigación por parte dos investigadores locais ao redor das cidades galegas.