A cultura en familia e a sostibilidade, abertas en Semana Santa en Afundación
As sedes e salas de exposicións de Afundación acollerán nestas vacacións escolares de Semana Santa unha programación especial na que se inclúen visitas guiadas familiares a todas as mostras actualmente en vigor. Pola súa parte, Naturnova, o centro de educación ambiental de Afundación, abrirá as súas portas o 25, 26, e 27 de marzo en horario de 17.30 a 20.30 h. Os formularios para a reserva de prazas para estas actividades están dispoñibles na páxina web de Afundación.
Estas actividades enmárcanse na iniciativa solidaria «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e que pretende levar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Afundación invita a todas as persoas participantes a colaboraren coa doazón de produtos non perecedoiros nos colectores habilitados ao efecto nas instalacións da entidade.
Propostas culturais
No Café Moderno Afundación Pontevedra, onde está exposta a mostra «A nosa arte», a visita familiar terá lugar o martes 26 de marzo ás 11.30 h.
Na Sala de Exposicións Afundación Ourense, onde está exposta a mostra «Ourense no tempo», a visita familiar terá lugar o martes 26 de marzo ás 11.30 h.
Na Sede Afundación Ferrol, onde está exposta a mostra «A vida lenta», a visita familiar terá lugar o martes 26 de marzo ás 11.30 h.
Na Sede Afundación Lugo, onde está exposta a mostra «García-Gesto», a visita familiar terá lugar o martes 26 de marzo ás 11.30 h.
Na Sede Afundación Santiago de Compostela, onde está exposta a mostra «Emocións en perigo. Fotografías de Tim Flach», as visitas familiares terán lugar o martes 26 de marzo e o mércores 27 de marzo ás 11.30 h.
Na Sede Afundación A Coruña, onde está exposta a mostra «Picasso protagonista», as visitas familiares terán lugar o martes 26 de marzo e o mércores 27 de marzo ás 11.30 h.
Na Sede Afundación Vigo, onde está exposta a mostra «Comedy Wildlife», a visita familiar terá lugar o martes 26 de marzo ás 11.30 h, e xa están todas as prazas reservadas.
Naturnova, o centro de educación ambiental de Afundación
A visita a Naturnova ofrece a posibilidade de gozar de máis de 30 módulos relacionados coa ciencia, o medio ambiente e a sostibilidade, o espazo e o noso planeta Terra. Entre os módulos poderanse ver dinosaurios en realidade aumentada, crear paisaxes coa sandbox ou mesmo ver como se forma un tornado. Ademais de mergullar nos fondos mariños galegos dentro do simulador de submarino.
O percorrido comeza cunha visión do universo, a nosa galaxia e o sistema solar para introducirnos, a continuación, no noso planeta. Del aprenderanse todos os elementos que condicionan a vida (o solo, a auga, o aire…) e tamén os seres vivos. Finaliza coa relación do ser humano co medio: como utiliza os recursos, como afecta a contorna ao usalos, e como, actualmente, trata de solucionar os problemas que ten creado. Orientadas aos diferentes grupos de idade, puxéronse en marcha diferentes didácticas para escolares nas que trataremos temas como: as consecuencias que ten o mal uso dos plásticos nos nosos ecosistemas; aprender sobre a estrela máis próxima, o sol; o mesmo converterse nun detective do espazo, experto nos astros do noso sistema solar.