700 escolares gozarán de «Un día de ópera» solidario con Amigos de la Ópera de A Coruña e «Cultura por Alimentos»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, dentro do seu programa solidario «Cultura por Alimentos», acolle na Coruña unha nova actividade paralela da Tempada Lírica organizada por Amigos da Ópera. Máis de 700 escolares de 8 colexios da Coruña acudirán ao auditorio da Sede Afundación para asistir á actividade «Un día de ópera» na que terán a oportunidade de coñecer e gozar da ópera. Programáronse tres funcións, mañá martes 22 de outubro, ás 10.00 h, e o mércores día 23, ás 10.00 e ás 12.00 h.
Esta actividade enmárcase na iniciativa solidaria «Cultura por Alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que ten como finalidade promover a doazón de alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade convida os asistentes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao acudir á actividade.