44 curtas de animación chegadas de 24 países compiten na sección oficial de «Imaxinaria», que comeza mañá na Sede de Afundación
A segunda edición da gran cita do cinema animado en Galicia, o Festival «Imaxinaria», comeza mañá mércores coa proxección, na Sede de Afundación na Coruña, dos sete primeiros filmes que son parte da sección oficial a concurso. Haberá, ademais, unha sesión moi especial: o público de «Imaxinaria» poderá asistir a un pase de Fantasía, de Walt Disney, a primeira película comercial da historia que se mostrou en estéreo e que foi ademais precursora do son envolvente en salas. Ata o vindeiro domingo, proxectaranse un total de 44 curtas a concurso divididas en 6 bloques e chegadas de 24 países e catro continentes. Fóra de competición, programarase o bloque «Radar Galicia», composto por 7 producións galegas que compiten polo premio Radar.
A programación do festival inclúe, ademais, actividades para profesionais, encontros do público con realizadores ou actividades específicas para escolares e familias. Tamén haberá unha programación especial co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller, cuxa celebración este venres coincide este ano co festival. As entradas e os abonos para asistir a «Imaxinaria» están dispoñibles en Ataquilla.com. O festival presentouse esta mañá coa presenza dos seus directores, Matilde Rodríguez e Alberto Vázquez, o director da Axencia Galega das Industriais Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, que apoia a celebración do evento, e máis da coordinadora de Cultura de Afundación, Marité Cores. O festival conta tamén coa colaboración de Cabreiroá.
Público e diálogo con outras cinematografías
«Imaxinaria» celebra a súa segunda edición logo de convocar preto de 2500 persoas o pasado ano. Promovido por Afundación, o festival nace para crear un punto de encontro do cinema de animación en Galicia e para difundir, cada ano, o máis relevante do que se está a facer en materia de cinema animado no mundo. A selección de filmes que compoñen este ano a sección oficial chega despois do visionado de 750 películas. «Un dos obxectivos do festival é o de dinamizar o contacto entre o público e os profesionais do cine animado co máis interesante que se está a facer no mundo. Non hai que esquecer que Galicia ocupa un lugar destacado neste ámbito con importantes empresas creativas e profesionais premiados e recoñecidos a nivel nacional e internacional» afirma a coordinadora de Cultura da Obra Social de ABANCA, Marité Cores. A meirande parte das curtas que se exhibirán non foron aínda estreadas en España.
Pola súa banda, o codirector do festival, Alberto Vázquez, sinalou que o evento «nace para que o público poida apreciar todas as posibilidades narrativas e técnicas deste medio, que é a animación. Hai traballos feitos en 2D tradicional, en 3D, en stopmotion, en cut out... Queremos mostrar a diversidade expresiva deste medio traendo o mellor da animación internacional á Coruña».
Días de cinema
Fóra de concurso, o público poderá ver tamén longametraxes coma a celebrada My Sunny Maad -A miña familia afgá, 2021-, da tamén madriña do festival, Michaela Pavlátová. Ou A invasión dos osos en Sicilia, de Lorenzo Mattotti. Ao creador italiano, «Imaxinaria» dedícalle este ano unha sección de nova creación, «Do cómic á animación», que volve sobre traballos de animación que xorden da obra de ilustradoras ou ilustradores.
Pavlátová e Mattotti dialogarán co público logo das proxeccións dos seus filmes. Ademais, a realizadora checa dará unha das clases maxistrais do festival. A outra correrá a cargo da creadora galega afincada en Londres Iria López.
Tanto Michaela Pavlátová coma Iria López formarán ademais parte dun xurado que tamén integra David Fidalgo Omil (Lugo 1988). O realizador obtivo o pasado ano o Premio do Público do festival pola súa curta Sandwich Cat.
Entre as longametraxes incluídas na programación está tamén Robot Dreams, de Pablo Berger. O público de «Imaxinaria» asistirá ao pase un día antes da cerimonia dos Premios Oscar. Robot Dreams compite polo premio á mellor película animada do ano.
O programa completo do festival está na web de Imaxinaria..
O público decide
Será o voto dos espectadores e espectadoras o que decida cal das 44 películas que compiten recibirá o Premio do Público do palmarés oficial de «Imaxinaria». E será o voto do público infantil o que estableza cal é a película preferida pola infancia de entre as seleccionadas e dirixidas para o público familiar. O xoves e o venres votarán os escolares que van participar nas actividades didácticas deseñadas pola Área Educativa de Afundación en colaboración co equipo do festival. Xa os vindeiros sábado e domingo, farano as nenas e nenos que asistan ás proxeccións para familias.
As películas a competición optarán a 5000 euros en premios. Supón un incremento dun 20 % con respecto á primeira edición do evento, a de 2023. E ese incremento irá dirixido a dúas iniciativas pensadas en clave galega: «Radar Galicia», por unha parte, e o Premio Talento Novo pola outra. Este último outorgaráselle ao mellor fragmento animado de 15 segundos de duración en modo cortina do festival presentado individualmente ou en equipo por persoas que están a formarse en animación ou ilustración en Galicia.
Asegura Marité Cores que «en consonancia coa estratexia de Afundación de favorecer a divulgación cultutral como medio para o desenvolvemento das personas, iniciativas coma Radar Galicia ou o Premio Talento Novo están no cerne da visión do festival. O mesmo que o esforzo para achegar o público infantil ás películas. Trátase, por unha parte de axudar a fortalecer o sector, poñendo a dialogar os traballos galegos cunha programación que nos ofrece películas de primeira clase mundial. E, pola outra, de contribuír á creación de público. Non hai cinema sen público».
«Imaxinaria» é parte da iniciativa solidaria «Cultura por alimentos», que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. O prezo simbólico das entradas e os abonos será xestionado integramente polo Banco de Alimentos Rías Altas. Ademais, o público poderá deixar alimentos non perecedoiros cando acceda ás proxeccións nos contedores postos a disposición a tal efecto na entrada da sede de Afundación.
Imaxes e tráiler dispoñibles en carpeta pública facendo click aquí.