Esta liña de actuación pretende ampliar as oportunidades de participación social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional.

Para iso, en primeiro lugar, desenvolvemos programas interxeracionais destinados a superar a fragmentación por grupos de idade da nosa sociedade a través da interacción entre eles, e poñemos en marcha accións de voluntariado social.

Fálame da emigración

As historias de vida dos maiores na emigración son o eixe do programa, articulado a través de dous encontros nos institutos e precedidos dun traballo preparatorio que se apoia en material e recursos didácticos aportados por Afundación. Maiores e estudantes comparten experiencias, reflexións e emocións, establecendo relacións baseadas no respecto mutuo.

Actividades interxeracionais

Propiciamos espazos de encontro enmarcados nun manifesto que reivindica en 10 puntos a necesidade de superar calquera forma de discriminación por razón de idade e a importancia de que as persoas de todas as xeracións aprendan unhas de outras, dialoguen e se respecten mutuamente.

Voluntariado

Facilitamos que as persoas socias dos nosos Espazos +60 participen como voluntarias transmitindo a súa experiencia, coñecementos e habilidades en diferentes accións. Xadrez, idiomas, actuacións de grupos musicais, baile, obradoiros de cociña ou elaboración e venda de traballos artesanais para doar a ONG son algúns exemplos de voluntariado que levan a cabo as persoas maiores socias dos nosos centros.