Nicanor Pena Novoa
Nacido en 1950 en Ourense. É o fundador da Galería Sargadelos da mesma cidade. Estudos en Mestría industrial na rama de organización e métodos.
TRAXECTORIA PROFESIONAL
En 1973 comeza a súa actividade profesional en Dragados e Construcións (departamento técnico) da presa de Albarellos en Leiro (Ourense).
De 1974 a 1986, na empresa BAORSA, posteriormente FORGASA (pertencente ao grupo BARREIROS) onde desenvolve traballos como técnico de organización no departamento de Organización e métodos e no de Exportación.
Por petición de Isaac Díaz Pardo, pon en marcha a Galería de Sargadelos de Ourense como primeira Galería asociada ao grupo Sargadelos en 1987. Durante máis de 30 anos desenvolve nela un intenso labor cultural (seminarios, presentación de libros, debates culturais, exposicións monográficas e didácticas, de pintura, escultura, etc.). En 1990 inaugura a Galería Sargadelos de Vigo baixo o mesmo formato, que dirixe ata 1995.
Funda a empresa L´Atelier Atlantique para a planificación, realización e comercialización de artigos e mobiliario de deseño. Tamén o proxecto 1.83 (Unopuntoochentaytres), espazo con deseños propios de L´Atelier Atlantique así como con grandes marcas internacionais de deseño (Iltala, Eva Solo, Ad hoc, So- Eat, etc.); e grandes deseñadores (Göran Hongell, Timo Sarpaneva, Jacob Jensen, Harri Koskinen, Hekki Orvola, etc.).
En 2007 arrinca un novo proxecto dirixido ao mundo do bebé, denominado Damemimo, centrado na produción de mobiliario infantil e outros artigos do sector.
