Comentarios
A obra articúlase "en torno ó mar", como revela a propia autora, ó mundo do verán, da calor, do sol, pero a personaxe principal é a bañista, esa figura próxima e recoñecible que, de inmediato, esperta a curiosidade do espectador que se identifica con ela e se interesa no que busca e cara a onde mira.
As trinta pequenas pezas compoñen un gran políptico onde a imaxe central da bañista recibe un tratamento diferencial en cada unha delas converténdoas en obxectos únicos. Cada figura, dunha tonalidade diferente, rosa, verde, azul, vermello ..., disponse sobre un soporte que pode variar tamén na súa cor, na súa textura (cartolina, cartón, papel prateado...) e na súa decoración xa que cada base está, á súa vez, manipulada, pintada, alterada con calcomanías, con formas raiadas estampadas con cartóns, o que deixa un rastro simétrico e paralelo e xera, en conxunto, unha obra de intenso colorido, "una festa para a vista".
As bañistas establecen unha dualidade de ritmos, un xogo onde a maioría dirixe a súa atención cara á dereita, excepto a última ringleira, separada lixeiramente do resto, orientadas cara á esquerda. A mirada de todas elas, ensimesmada e soñadora, funde muller e mar, espacio e tempo, convertendo o familiar e cotián en algo atemporal e xenérico, apoiándose, coma Andy Warhol, no poder semántico da imaxe, da pose, que evita todo trazo de individualidade e busca a metáfora, o simbolizar a vida e a acción.
EXPOSICIÓNS:
"Pury del Palacio". Do 9 de abril ó 10 de maio de 2002. Sala de Arte da Fundación Celta de Vigo, Vigo.