Comentarios
O bodegón, tema recorrente na poética de Rafael Alonso, revélase como un excelente vehículo para abordar o estudio de diferentes naturezas, flores, froitas, auga, paisaxe... e constantes son os cambios ó longo dos anos, que presentan, segundo Beatriz de San Ildefonso, "a evolución propia do seu estilo, encamiñado sempre cara á busca de formas máis simplificadas".
A disposición habitual consiste en presentar un floreiro con flores e unhas froitas ante una fiestra aberta ó mar. Neste caso, o contorno elixido para o bodegón é unha recreación dunha vista de Mougás, en Oia. Nun primeiro plano, sobre o peitoril, sitúa un cesto con mazarocas e un floreiro, que dan paso ós campos cultivados que morren no azul do Atlántico. Finalmente, xorde o ceo en delicados tons celeste e rosados.
A estructura da escena permite adiviñar a futura tendencia cara ás composicións planas, xa evidente na confusión dos diferentes planos de profundidade.
A valoración da cor está presente nunha obra rica onde os campos, un collage de diferentes tonalidades están, en moitos casos, definidos mediante unha ampla pincelada que esquematiza as formas convertendo, á súa vez, os palleiros en simples triángulos e as mazarocas nunha sucesión de puntos dun dourado intenso. Dominan os cálidos, os amarelos, os laranxas, que contrastan cos azuis do mar e do ceo. O branco non adquiriu aínda a importancia que terá máis tarde e é un recurso máis en mans do artista que gracias á non cor capta a frescura dos allos, o brillo da cerámica e a alegría da luz.