Comentarios
Ó dorso, un bosquexo en lapis graxo dunha figura feminina. A moza, recostada, exhibe un espido completo e amosa o seu rostro de perfil dirixindo a mirada cara á esquerda. É un novo enfoque, un retrato de corpo enteiro que completa o busto representado na cara principal da obra.
Laxeiro considerou sempre o debuxo como unha parte fundamental do seu traballo e da súa aprendizaxe, unha vía de experimentación e de ensaio, fundamental para comprender e introducirse na súa obra.
Unha figura de muller moza, situada de tres cuartos, coa cabeza ladeada cara á esquerda, preséntase amosando sen pudor os seus peitos, disposta para ser contemplada e totalmente allea á mirada curiosa do espectador.
A obra, dun gran realismo e frescura, manifesta as súas conviccións habituais con respecto ó tema feminino, no que une dozura e sinxeleza. Restrinxe o emprego de trazos grosos para perfilar a figura e definir os cabelos, que contrastan coa textura da pel aveludada, que acada mediante un lixeiro esvaemento. Os puntos en branco parecen lampos luminosos que, coma nos senos, conseguen atrapar a luz. O modelado da imaxe a partir do sombreado é tamén propio dun autor que procura un debuxo de formas rotundas e escultóricas de claras influencias picassianas.
A beleza e a dignidade da imaxe, o seu aspecto atemporal revelan a capacidade creativa dun autor experto en recrear mundos de fábula e fantasía sen esquecer nunca a súa faceta máis lírica, o retrato e o espido feminino.