• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • ico-home Colección
  • ico-artists Artistas
  • ico-obras Obras
  • ico-prestamos Préstamos
  • ico-shop Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

RAFAEL ÚBEDA

UBEDA PIÑEIRO, RAFAEL

( 1932 - )

Biografía

Cunha vocación temperá pola arte, empeza a estudiar pintura de cabalete, mural e gravado ó longo do bacharelato, que cursa na súa cidade natal. En 1956 trasládase a Madrid para face-la carreira de Belas Artes na Escola de San Fernando, onde sobresae obtendo unha bolsa para O Paular como paisaxista. Asemade, segue os cursos da Escola Nacional de Artes Gráficas. Entre os anos 1963 e 1964 asiste en Breda, Holanda, ós cursos da Hoger Akademy St. Joosta, en Maarsen; tamén estudia no mesmo país as técnicas calcográficas de Hércules Seghers, onda o profesor Willen van Leusden. En 1965 obtén o grande premio de pintura de Roma e reside nesta cidade durante catro anos, tempo ó que pertence o seu paisaxismo constructivo. Pasa os veráns en Amsterdam, no taller do profesor Flip van der Burgt e intégrase no famoso grupo internacional de gravadores "Zebra". En 1967 selecciónano en Milán para realizar un gran mural na basílica da Anunciación, en Nazaret de Galilea, Israel. De volta a España sucédense as súas exposicións por toda a súa xeografía de orixe e realiza novos murais na Toxa. Concorre a certames de gravado, técnica na que é un mestre consumado. Expón en diferentes cidades de Europa e América. En Estados Unidos recíbeno como un acontecemento e alí volve en 1992, invitado á cidade de Chicago, como único artista español para celebra-los 25 anos da instalación dunha grande escultura de Picasso na cidade do Estado de Illinois. Úbeda exerceu a docencia: foi catedrático de institutos de segunda ensinanza en Pontevedra, Canarias e Madrid; profesor de pintura na Escola Superior de Belas Artes de San Xurxo, de perspectiva na de San Fernando de Madrid; de debuxo e gravado na Escola Superior de Belas Artes de Tenerife; de debuxo na Escola Nacional de Artes Gráficas de Barcelona e de pintura na Facultade de Belas Artes, de Pontevedra, dende a súa creación; tamén impartiu cursos en Francia. A súa afección pola música levouno a adquirir unha sólida formación que lle permitiu toca-lo violín, ata o punto de que interviu en concertos de cámara. É doutor en Belas Artes cunha tese sobre a interacción das artes e a música. A súa obra figura nos museos de Pontevedra, de Arte Contemporánea de Madrid; no de Managua; Herldelberg; Carlos Maside de Sada, A Coruña; Huesca; no do Pobo Galego, en Compostela; Utrech; Aurich; Norden; na Academia de San Fernando, en Madrid, e mais en numerosas institucións públicas. Realizáronse exposicións antolóxicas da súa obra en Compostela en 1989; en Coruña e Pontevedra, dúas veces, unha dedicada á pintura e outra á obra gráfica. Tamén expuxo no Centro Cultural de Caixavigo, na Coruña e no Palacio da Xunta de Galicia en Madrid. Rafael Úbeda é un artista multiforme, cunha moi alta calidade técnica en tódalas súas formas de expresión. Iniciouse nun paisaxismo de tendencia "fauve", derivando máis tarde, durante a súa estancia en Italia, cara a un xeometrismo estructural de base cubista e un cromatismo moi quente, con vermellos dominantes, para chegar, ó cabo, á súa etapa actual, por completo expresionsita, de raíz irónica e con idéntica estructura xeométrica. O dinamismo da súa pintura é unha auténtica explosión de cor e de movemento; é unha insurrección desbordante, algo así como a enerxía do patético, dende os abismos do ser ata a superficie dos actos. Hai nas súas criaturas énfase e deformacion deliberada altamente expresiva. Os seus antecedentes están na tradición, dende as ilustracións prerrománicas dos Beatos de Liébana a Grünewald, Van Gogh e Picasso, o grande mestre, ó fin pero con facetas de Vázquez Díaz, de Rouault. Todo semella roto, desordenado, conmovido e, sen embargo, todo está meditado, sentido, pensado e razoado. O seu puntal cromático, cunha técnica magnífica, é explosivo, con carmíns, azuis, marelos, pratas, verdes e negros. Algo de collage hai nestes lenzos de textura traballada de mil capas e veladuras. O circense e o musical, o popular e carnavalesco son base de pinturas impresionantes, mais cando quere ser clásico a súa perfección formal é ortodoxamente renacentista. E outro tanto acontece coa súa obra gravada, cunhas pranchas que piden unha análise minuciosa para coñece-la súa condición de debuxante, o seu pulso, o seu primor de execución, para augaforte, mezzotintas, puntas secas e técnicas mixtas cunha beleza incrible. Posúe, por último, numerosos premios e galardóns.

Bibliografía

-Areán, Carlos y Pablos, Francisco: Rafael Ubeda. A Coruña, Xunta de Galicia, 1989. -Campoy, A. M.: Rafael Ubeda. Madrid, Galería de Arte Paul Klee, 1987. -20 años de arte en Pontevedra. Pontevedra, Diputación provincial, 1989. -I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989. -Pablos, Francisco: Pintura sonora, cromatismo melódico. Madrid, Casa de Galicia, 1992. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Pablos, Francisco: Ubeda. Grandes artistas gallegos. Vigo, Caixavigo, 1989. -García Iglesias, J. M.: Rafael Ubeda, o la vivencia musical de la plástica. A Coruña. Fundación Caixa Galicia, 1994. -Gran enciclopedia gallega. Gijón, S. Cañada, edt., 1974. -Rubio Martínez, M.: Ayer y hoy del grabado y sistemas de estampación. Tarragona, Edic. Tarraco, 1979. -F. Pablos, “O secundario elevado ó protagonismo”, presentación do catálogo da exposición “Bodegóns e Floreiros”, reproducido co núm. 24. -“Pontevedra con Centroamérica” catálogo Deputación provincial de Pontevedra, 1999 coa obra reproducida na p. 47.

Obra

  • Flautista

    Flautista 1994

  • Gaitero

    Gaitero 1988

  • Arpegios A, 2004

    Arpegios A, 2004 2004

  • Tabla redonda

    Tabla redonda 1988

Ver todas as obras ico-arrow-right
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2019 © Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2019
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78