• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

RAMÓN TRIGO

Trigo Alonso, Ramón

( Vigo, 1965 )

Biografía

Nace nunha localidade situada xunto ao mar, Vigo, e este feito marcará profundamente a súa obra. De formación artística autodidacta, a súa vocación maniféstase na escola, na que sendo un neno comeza a debuxar cómics dunha maneira case compulsiva. Con dezaoito anos logra que os seus cómics se publiquen en El Faro de Vigo, e en 1984 participa na súa primeira mostra colectiva de cómic na Universidade Popular da súa cidade natal. A súa primeira exposición individual realízaa na Casa da Cultura de Vigo en 1990. Posteriormente participa en mostras individuais en diversas galerías da xeografía galega, Cuenca e Madrid, e noutras de carácter colectivo en Galicia e distintas cidades españolas, así como en Portugal, Lituania e Italia. Logra un temperán recoñecemento co Premio Arte Nova Galega (Vigo, 1989), ao que lle seguen outros como o destacado Premio de Pintura Ademar-Champagnat (Vigo, 1994), e tamén obtén unha serie de galardóns polos seus libros ilustrados; xénero no que cultiva un destacado éxito.

Artista polifacético, alterna a pintura e a escultura coa ilustración, co cómic, coa animación… pois considera todas estas disciplinas “parte de una misma locura”. Dentro do universo das artes plásticas traballa principalmente o debuxo e a pintura, e interésase especialmente pola figura humana —en concreto, o nu—, a paisaxe —cunha gran presenza de mariñas— e o bodegón. Excelente debuxante cunha pincelada xestual, áxil e expresiva que logra suxestivas texturas, así como un aspecto rudo e esbozado, comeza explorando o cubismo a través da anatomía humana, e evoluciona cara a un expresionismo de base figurativa que bebe do barroco —en particular do forte claroscuro— e aproxímase con grande empeño cara a un mundo abstracto.

Na Colección Afundación figura un nutrido grupo de nove obras do autor. En tres obras pictóricas o mar está presente aínda que sexa dunha maneira suxerida: A garda (1993) recorda a Turner con esas formas bosquexadas e insinuadas envoltas nunha atmosfera pesada baixo un ceo tormentoso; en Barcas (1993) destaca o grafismo do debuxo das embarcacións; e en Ruína (2004) a forza expresiva que desprende a barca de madeira desfeita resulta sorprendente, intensificada polo uso dunha base de estopa densa e áspera. As tonalidades negras, azuis, brancas e amarelas están presentes en todas estas pinturas, as dúas primeiras de colorido máis sutil e Ruína cun forte contraste entre o explosivo amarelo e o azul e negro. En Nature morte III (1998) pinta unha escena, cun elevado grao de abstracción e similar gama cromática, que lembra a pintura barroca española, en concreto a Zurbarán. A temática do debuxante ou pintor no seu estudio vese reflectida en catro obras datadas en 1999 e en 2000: unha é un óleo e tres son tintas sobre papel nas que crea ambientes cheos de misterio, silencio e soidade mediante un xogo de luces —case litúrxicas— e sombras. Por último, no bodegón (2004) sérvese de novo da base de estopa para reforzar a potencia visual da imaxe concisa dun obxecto cotián.

Bibliografía

Pablos, Francisco: Arte en el deporte. Vigo, R. C. Celta, 1999. Pablos, Francisco: Premio Ademar Champagnat. Catálogo general. Vigo, 1996. Arte Xoven Galega. Antoloxía. Catálogo. Vigo, 1997. Trazos e Camiños. Compostela. Xunta de Galicia, 1994.

Obra

  • Sin título

    Sin título 2004

  • Barcas

    Barcas 1993

  • Nature morte III

    Nature morte III 1998

  • Sin título

    Sin título 1999

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78