ANTÓN SOBRAL
Sobral Iglesias, Antón
( Marín, Pontevedra, 4 de abril de 1952 )
Biografía
O mar do seu lugar de nacemento, Marín, marcará significativamente o seu discurso artístico. Desde moi novo gustoulle pintar; con dezaseis anos participa nas súas primeiras mostras en Pontevedra e Santiago de Compostela. Alí, estuda Matemáticas, e posteriormente Historia da Arte, ao tempo que é membro da directiva da Asociación Cultural O Galo (símbolo da transición entre o franquismo e o primeiro posfranquismo), e preside a primeira Asociación de Artistas Plásticos que contribúe a fundar. Axiña combina a súa faceta artística coa docente, e imparte clases como profesor de arte durante moitos anos na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, en Pontevedra. Ao longo da súa traxectoria obtivo numerosos galardóns e participou en máis de duascentas exposicións por toda España, en Francia, Alemaña, Austria e Italia así como en distintos puntos de América. Así mesmo, cómpre salientarmos o seu labor solidario en mostras en beneficio de Nicaragua, Cuba, Ruanda etc., países cos que establece intercambios e colaboracións artísticas, e o seu amplo labor no contexto da Galicia artística, pois axudou enormemente a integrala no mapa do circuíto nacional.
Artista polifacético, considera que «o artista total» comeza na pintura, para despois explorar tamén a fotografía, a poesía, a música, o teatro ou a danza, entre outras disciplinas, sempre nun proceso de busca da beleza. Na súa pintura e mais na fotografía céntrase na paisaxe. Fixo do mar o piar fundamental do seu discurso estético, o seu leitmotiv e o seu gran tema. «Sobral interpreta a paisaxe á maneira dos románticos», sostén Antón Castro; os seus grandes referentes son Turner, Constable, Friedrich, e Gerhard Richter. Luz, tempo, xeometría, e memoria son presenzas constantes na súa obra cargada de lirismo e case misticismo. Esencializa e simplifica o espazo ata alcanzar unha aparencia abstracta (só interrompida polo protagonismo dos horizontes) cunha vontade minimalista, que se potencia grazas á finura na factura das obras coas súas delicadas veladuras, e pola gama normalmente fría que adoita empregar na súa paleta. Nas súas paisaxes non aparece a figura humana, con todo, considera que hai unha participación moi activa do espectador. A modernidade do seu traballo radica en que deixa nas nosas mans a resolución da obra; «sitúa ante nós a experiencia da súa mirada para que sexamos nós mesmos os que asimilemos a nosa», en palabras de Ramón Rozas.
Na Colección Afundación atopamos catro obras pictóricas do artista datadas entre 1978 e 1999. Nelas aborda o seu xénero predilecto, a paisaxe, do seu querido mar e a natureza. Na paisaxe 1989 —a máis atípica—, o autor representa a natureza como un mundo estraño e alleo, con dúas pezas xeométricas que modifican a súa superficie, que soamente podemos gozar desde a distancia por mor dunha grosa liña negra situada na parte inferior que actúa como barreira. As mariñas son obras case abstractas nas que atopamos os seus característicos horizontes, ese territorio de transición onde se separa a auga e o aire, o mar e a atmosfera. Case se pode palpar o contraste da calma do mar coa atmosfera axitada e brumosa, elementos recorrentes no seu imaxinario. A elegante paleta, e a delicada factura (moi lisa e velada) permite crear a sensación fotográfica de tempo detido, o intre previo antes da tempestade ou da tormenta na que todo se paraliza e un halo de misterio e inquietude invade a escena.
Bibliografía
ARTISTAS de Galicia. Guías culturais, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2003.