ANTÓN PULIDO
Pulido Novoa, Antón
( Bóveda de Amoeiro, Amoeiro, Ourense, 1944 )
Biografía
Licenciado en Belas Artes na Escola Superior de San Jordi, especialidade de pintura e gravado, foi discípulo de Joan Hernández Pijuán. Director e deseñador da colección de Artistas Galegos, 30 tomos de Nova Galicia Edicións, é fillo predilecto de Amoeiro e Vigués Distinguido. Premio da Crítica de Galicia en Artes Plásticas e Visuais, 2014, un ano despois recibe o Trasalba, da Fundación Otero Pedrayo, ao labor de toda unha vida dedicada á arte. En 2013 expón no sexto edificio do Museo de Pontevedra. Un ano despois, unha mostra antolóxica en Afundación revisaba cincuenta anos da súa pintura, desde os seus primeiros anos impresionistas e expresionistas ata chegar á abstracción. Realizou mostras por todo o mundo, entre as que destacan as de Shanghai, Beijing ou Seúl.
Nos anos 60 inicia a súa singradura expresionista con vontade de xerar un estilo propio. Pinta o home popular, labregos e mariñeiros enmarcados por grosos perfís negros, derivados de Nonell, contornos e xestuais trazos que serán unha constante na súa carreira. A partir dos 70 a marca de Matisse faise evidente. Baña a figura e a paisaxe de intensos e ferintes monocromos de estirpe fauvista. Sinxelas estancias co icónico elemento da ventá funden o ambiente interior co exterior. O home pulidiano encarna o principio filosófico de medida de todas as cousas.
Na década dos 80 presenta o ser en soidade e transmítelle o seu estado anímico á paisaxe. A súa pintura delata as inquietudes, dúbidas e temores de personaxes anónimos no medio do camiño vital (Camiño Vermello, 1988), ao deitarse ou erguerse. O artista caracteriza instantes íntimos para acentuar a fraxilidade do ser. Nu, alude ao aseo persoal, motivo que fixo as delicias de artistas como Bonnard, Matisse ou Vlaminck. Temas afables e cordiais vertebradores da esencia humana.
O tránsito aos 90 acentúa a xeometría espacial e a intimidade caseira. Lúa, 1990 ou Soño, 1991 recollen a enerxía vital, pero non menos o drama a través de perspectivas en picado que acentúan as angustias existenciais. Muller, 1991 representa un corpo nu tendido e ensimesmado. Exhala o seu anhelo recollido no grafismo atmosférico. Kermesse, 1991 significa unha verdadeira transformación na súa pintura, a figura desmémbrase e abstráese. Exáltanse as emocións ata o punto de que o espectador percibe ritmos, acenos e valores musicais, aínda que non renuncia á presenza figurativa.
Pulido avanza plasticamente cara a temas máis pasionais e emocionantes aínda que inseguros, reflexo das contradicións do ser humano. O desasosego vital próximo a Eduard Munch apréciase en Abismo, 1991. Encarna un ser desconcertado plantado ante a súa rocha Tarpeya, escrutando os límites das sombras mariñas. Conecta con Böcklin, cos expresionistas e coa beleza sedutora da atracción do abismo, da que tratan Rafael Argullol e os románticos alemáns, como Caspar David Friedrich. As apaixonadas gamas intensifican a inminencia de que algo importante pode suceder. Embriagadoras cores envolven a súa pintura. Por último, en Vigo, na Praza das Apertas, 2015-2016, realiza un proxecto integral con escultura e pintura, e crea a nivel urbanístico unha sinfonía de cor para transmitir a ledicia de vivir matissiana. Gamas intensas e vibrantes en azul, vermello ou amarelo achegan frescura á vez que anuncian tempo de festa, xúbilo, calma ou descanso. Emanan sensacións positivas para a concordia e o diálogo nun banco curvo que trata de reunir os cidadáns nun verdadeiro locus amoenus.
Fátima Otero
Bibliografía
I MOSTRA Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1989.
FONTE, R.: Antón Pulido, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1990.
FONTE, R.: Antón Pulido, Casa de la Parra, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.
OTERO PEDRAYO, R.: Pulido, catálogo de la muestra, Caixavigo, Vigo, 1975.