PRIETO NESPEREIRA
Prieto Nespereira, Julio
( Ourense, 7 de diciembre de 1896 - Madrid, 5 de agosto de 1991 )
Biografía
Na súa etapa escolar en Ourense fórmase co pintor Jesús Soria. Con doce anos realiza unha mostra individual de paisaxes na Sociedade de Exploradores da súa cidade natal organizada por Soria. Pronto viaxa a Zaragoza e a Barcelona, onde descobre a obra de Joaquín Mir e Isidre Nonell. Trasládase a Madrid en 1917 e alí compaxina a preparación dunhas oposicións para topógrafo-delineante do Ministerio de Facenda —que finalmente gana— coa súa formación artística. Fernando Álvarez de Sotomayor —director nese momento do Museo do Prado— dálle clases particulares de pintura, e acode aos cursos do Círculo de Belas Artes e a clases libres na Escola de San Fernando. Colabora coas súas ilustracións nas revistas galegas La Zarpa, Alfar e Nós. Na súa traxectoria destaca a intensa participación en mostras, certames e concursos en España e no estranxeiro. A súa obra percorre o mundo e goza de bolsas que o levan a Portugal e América do Sur. Dentro da súa interminable listaxe de galardóns, cómpre salientarmos a Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes, Medalla de Ouro do Círculo de Belas Artes, Encomenda da Orde de Isabel a Católica e a Medalla de Ouro de Galicia. Dentro do mundo do gravado —a súa disciplina predilecta— participa na fundación do grupo de gravado Los 24, na Agrupación Española de Artistas Grabadores, da que será presidente; propón a creación do Museo Nacional de Grabado Contemporáneo y Sistemas de Estampación en 1967, do que será director; exerce como profesor de Gravado na Escola de Artes Gráficas, en Madrid, Valencia e Barcelona, así como na Escola Libre de Gravado, e a título póstumo, créase a Bienal Internacional de Gravado que leva o seu nome.
Artista multidisciplinar, nos seus comezos dirixe o seu interese cara á pintura ata que decide centrar o traballo no gravado, pero tamén realizará escultura. Innovador incansable, a súa busca constante de novas técnicas e medios de expresión foron unha achega esencial á estampa en España. Na súa traxectoria distínguense catro etapas nas que é posible encadrar as dez obras da Colección Afundación.
De 1921 a 1925, a denominada etapa figurativa, oscila entre a augaforte e o linóleo. Os temas principais son a paisaxe e escenas costumistas galegas cunha maior presenza da figura humana ca en etapas posteriores e o uso de fortes contrastes de luces e superficies. Nesta etapa sitúanse as augafortes Castilla e Remanso. De 1925 a 1950 predomina a augaforte, é a súa época máis popular, destacan os temas paisaxísticos nos que a representación da realidade está cribada polo efecto da memoria para crear unhas atmosferas de fantasía e misterio con fortes contrastes de luces e sombras. As augafortes Santiago, Porches de Orense e La dama de piedra, e o óleo Bodegón, con certas evocacións cubistas, pertencen a este período. De 1950 a 1960: a súa obra abandona a representación realista e aprécianse influencias da abstracción xeométrica. A nivel iconográfico destaca a continua presenza da muller, e sobre todo do mar e dos peixes. Desta etapa son os gravados Bodegón e Bodegón de las jarras. De 1960 a 1962: etapa expresionista con ritmos moi dinámicos de raíz poscubista. De 1962 ata o seu pasamento céntrase na evolución cara á abstracción —apréciase na augaforte Ritmos—, e ensaia novas formas e novas técnicas —como en Texturas— que, di, xa non quere chamar “augafortes”.
Bibliografía
-Otero Pedrayo, Ramón: Prieto Nespereira. Madrid, Editora Nacional, 1970. -Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976. -Areán, Carlos: Julio Prieto Nespereira. Madrid, Dir. Gral. Bellas Artes, 1973. -VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984. -Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -VV. AA.: Prieto Nespereira. A Coruña, Xunta de Galicia,1986. -Rubio Martínez, M.: Ayer y hoy del grabado. Tarragona, Edic. Tarraco, 1979. -Diccionario de pintores españoles contemporáneos. Madrid, Edic. Estiarte, 1972. -Carrete Parrondo, Juan; Vega Glez., Jesusa; Fontbona, Francesc, y Bozal, Valeriano: El grabado en España (siglos XIX y XX)Summa Artis. Vol. XXXII. Madrid, Espasa Calpe, 1988. -Campoy, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973. -Martínez Barbeito, Carlos: Julio Prieto Nespereira. Madrid, Pub. Españolas, 1969.