• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

LITO PORTELA

Portela Calvar, José Ángel

( Coiro, Pontevedra, 1958 )

Biografía

É artista de longa traxectoria centrada na atención ao medio natural máis próximo. Desenvolve un exhaustivo e esixente traballo de obradoiro, investigando e experimentando novas técnicas e formas de expresión, e mostra, ademais, especial predilección polas formas orgánicas, alternando etapas figurativas e abstractas que parten de elementos cotiáns para expresar valores universais. Entre as súas exposicións destacan Paisaxe líquida, 2018, na compostelá galería Metro e Mais alá da paisaxe na viguesa Apóstrophe, así como os proxectos escultóricos Espiñas coroadas, en 2012, na Sala Alterarte, en Ourense e A Maré, en 2014 en A Casa da Parra, en Santiago.

Móvese con desenvoltura entre a pintura e a escultura, alternando ambas. Nos 80 exhibe así mesmo pequenas esculturas realizadas en papel. Con este material consegue debuxar no espazo formas lixeiras, líricas e moi lineais. Natureza morta, 1994 alude a elementos naturais levemente suxeridos. Ramas e follas diluídas, tan só materia evocada para acentuar o efémero e húmido do medio natural. Suma intencionadamente a mancha e o goteo, porque a observación de Lito non ten intención descritiva senón que nace da interiorización do contorno, facéndoo seu, idealizando e poetizando a vexetación para mergullarnos nun mundo de ficción.

En 2004 idea a súa célebre A Buguina, unha grácil buguina de aceiro situada no miradoiro de Donón. Sobresae o seu esqueleto interno e a estrutura curva do molusco cunha lea de liñas no espazo coma se fose o aire o que a debuxase. Lonxe de entorpecer a vista, poténciaa e dota a peza dun carácter lúdico para que o espectador interactúe con ela.

A partir de 2009 as súas esculturas fanse máis rotundas, aumentan en volume e dimensións. Emprega o poliéster, como se aprecia na peza da colección Afundación, Sen título, 2009. Alude a un cranio de virtuoso realismo vernizado con pintura metalizada e mantén un diálogo frutífero co xogo de escala característico do minimalismo e coas vanitas como crisol de morte. Ademais da súa austeridade morfolóxica, a peza acumula patetismo, agravado polo baño de cor, neste caso negro, como noutras pezas desta serie predomina o vermello. Pátina que entronca esta obra cunha especie de marea negra ou vermella, como fenómeno biolóxico que tinxe o mar. A obra recorda a idea de certo ready-made, só en cernes, xa que todo pasa pola acción creativa ex novo, xerando moita ambigüidade, amplificada a través do acabado pulido e brillante que evoca un obxecto futurista de atracción turbadora ou dramatismo calado.

As súas esculturas materialízanse en amplificadas formas lanzadas polo mar: boias, ovos de raia, que ás veces se ven na beira do mar, esqueletos de gaivotas, follas ou ramas espiñosas. Obras como Raias, 2011 ou Sálvese quen poida, 2014, son un bo exemplo. Esta última, amosa moluscos aferrados a un salvavidas; aludindo á gravidade económica. É a de Lito Portela unha arte comprometida que fai aflorar distintas lacras da sociedade, xuntando así a situación específica local coa globalizada. Todas as súas obras, xa sexan pinturas ou esculturas, están vinculadas ao mar como o está emocionalmente este moañés, porque constitúe unha parte importante das súas vivencias.

Fátima Otero

Bibliografía

González-Alegre, Alberto: Portela de fóra a dentro. Pontevedra, Caja de Madrid, 1995.

Obra

  • Naturaleza muerta

    Naturaleza muerta 1994

  • Sin título

    Sin título 1998

  • Naturaleza muerta

    Naturaleza muerta 1994

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78