MIGUEL PEREIRA
Pereira Figueroa, Miguel
( Madrid, 1949 )
Biografía
Galego de sentimento, universal de concepto, este madrileño culto, curioso, intuitivo e reflexivo, atento a tódalas parcelas da arte e a literatura, vencellouse a Galicia en plena xuventude e aquí traballa desde hai case trinta anos. Chegou a Santiago de Compostela en 1969, para estudiar Filosofía e Letras, carreira que concluíu e da que posteriormente realizou os cursos de doutorado. Ata 1965 participa intensamente nas actividades do grupo teatral Axpasia. A súa dedicación á antropoloxía lévao a conseguir en 1974 o premio Daniel de la Sota, da Deputación de Pontevedra, onde exerce como xefe do servicio de publicacións e arquivo da Deputación, despois de disfrutar das bolsas de estudio do museo provincial nos anos 1974 a 1977, no que é nomeado membro do padroádego do Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela. Tamén o é do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento. A súa inquedanza cultural reflíctese na revista "Pontevedra", deste organismo provincial, da que primeiro foi xefe de redacción e despois, desde 1985, director. A súa preocupación estrictamente plástica comeza a manifestarse no deseño gráfico, que se reflicte en máis dun cento de libros. A súa inesgotable curiosidade lévao a experimentar novas técnicas de expresión gráfica, co a electrografía e a infografía, que aplicou ó gravado. Realizou exposicións colectivas de importancia, en diferentes cidades de España e de Europa. As súas numerosas exposicións persoais inícianse en 1994 na sala do Teatro Principal de Pontevedra, logo no castelo de Soutomaior e continúan, en Madrid, Santiago de Compostela, Cartaxena, Vigo, Sevilla, Pontevedra e diferentes vilas de Galicia, así como en Lisboa e cidades de Austria e Alemaña, país no que a pintura de Pereira tivo unha excelente acollida e goza de prestixio. Figura en museos e institucións e coleccións privadas de España, Portugal e Alemaña. A pintura de Miguel Pereira acusa ese amplo coñecemento das técnicas de estampación á que dedicou larga actividade. Considerablemente abstracto, aínda que con referencias formais, o seu mundo é deliberadamente escueto, elementalizado, simple e sen embargo rico, infinitamente rico en suxestións. Gamas suaves moi abigarradas, e materia moi traballada. En espacios indeterminables aséntase un obxecto sen posibilidade de descrición precisa. O seu mundo é tan amplo, que ás veces recrea o expresionismo dos ilustradores medievais de Beato de Liébana, ou acode a referencias antropolóxicas raciais, que reelabora con mimo exquisito, pero sen insistencias. Como se todo xurdise espontaneamente, cando é tan reflexivo, tan meditado o seu quefacer. O grafismo espontáneo, mundo de Tápies, tamén importa a Pereira, aínda que desde un intimismo de suxestións líricas. Así mesmo, aproxímase ó surrealismo ou ó neoexpresionismo vagamente maxicista. A súa paleta é axordada, con excelente cociña. Gusta das gamas neutras e deliberadamente, obvia a perspectiva, para chegar a un xeometrismo en aparencia plano, de beleza consecuente, non inmediata. Por completo allea a calquera preciosismo de raíz meramente folclórica.
Bibliografía
Sobral, Antón: O dreaming totémico de Miguel Pereira. Pontevedra, 1995. Castro, Antón: "Convulsión Lúdrica". Museo do Pobo Galego. 1997. Penelas, Severino: Recuerdos en ámbar. Casa de Galicia. Madrid, 1997.