CAMILO OTERO
Otero Martín, Camilo
( Santiago de Compostela, 1932 - 27 de junio de 2003 )
Biografía
Compostelán de nacemento, entra en contacto coa arte na Escola de Artes e Oficios. Nesta primeira etapa destaca a influencia do seu profesor Francisco Asorey. En 1956 marcha a Barcelona para continuar a formación na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi e compaxínaa con múltiples traballos (albanel, fabricante de castañolas, copista de esculturas medievais que despois se comercializaban). En 1961 instálase definitivamente en París, cidade na que permanecerá ata que en 1998 regrese a Galicia, agás un período de dous anos a mediados dos sesenta que reside en Alemaña. En París entra a colaborar e formarse co escultor Collamarini, ingresa na Escola Superior de Belas Artes —onde permanecerá moi pouco tempo— e inicialmente desempeña todo tipo de traballos. París é esencial na súa biografía, alí consolida a vida familiar e mais a carreira artística. Entre outros galardóns, obtén en 1975 o prestixioso Premio Bourdelle de Escultura e en 1981 o gran premio de tapices no Gran Palais de París. A partir de 1982 comeza o seu labor docente no Centro Cultural Americano da capital gala. A súa obra foi exposta en numerosas ocasións ao longo de todo o territorio europeo, e pódese gozar hoxe en día —entre moitos outros espazos— en prestixiosos museos franceses, como o Museo de Arte Moderna ou a Biblioteca Nacional, así como no Museo do Pobo Galego en San Domingos de Bonaval da súa cidade natal. En 1992 obtén a Medalla Castelao (que rexeitará) e cara a mediados dos noventa regresa a Galicia, onde instala a súa vivenda e mais o taller nunha casa próxima a Santiago na que reside ata que falece.
A súa produción, de complexa cualificación, está marcada por un individualismo extremo, así como unha disidencia militante. Destaca na escultura, aínda que realizou pintura, debuxo —esencial para comprender a súa escultura—, gravado, xoias, tapices… o seu espírito é multifacético. No campo escultórico traballa en madeira, pedra dura, arxila, mármore, bronce e cerámica. A talla directa é un dos fíos condutores da súa obra na que destacan os seus espectaculares acabados. O seu principal referente atopámolo en Brancusi; con el comparte o ruralismo e o arcaísmo, o sentido primitivo da arte popular, a dimensión espiritual, a verticalidade, a sensualidade, o animalismo etc. A Otero fascínao a fragmentación, e na súa obra atopamos referencias ao cubismo e ao expresionismo, humor e ironía, irreverencia, así como unha forza expresiva excepcional e ao mesmo tempo delicadeza. Explora o pequeno formato e tamén o monumental; realizou encargas do Estado francés, e, en Galicia, é célebre a súa escultura de bronce, Pasionaria (1971), situada na Facultade de Económicas do campus compostelán.
Na Colección Afundación figuran unha obra sobre papel (2002) e unha escultura (1977). Na primeira representa unha muller –temática fundamental na súa creación— cunha copa na man que parece que se funde co espazo. Sobre a cabeza sitúa un rostro masculino de perfil enmarcado por un corazón. O seu estilo semella neofigurativo e vinculado ao expresionismo, o debuxo é firme e seguro, e o cromatismo intenso, no que destacan o vermello e o amarelo. A escultura —Marianne II— representa o busto dunha muller, cunha aproximación de ascendencia cubista, a través da repetición do seu rostro tres veces desde diferentes perspectivas. Unha peza rotunda, sólida, caracterizada polo tratamento das formas ovais (tan representativas da súa creación), o xogo de espazos/sombras, e o sutil acabado do bronce na que a súa monumentalidade se contrapón ás dimensións.
Bibliografía
GRAN enciclopedia gallega, Tomo 23, Silverio Cañada Edit., Gijón, 1973.