ROMÁN NAVARRO
Navarro García de Vinuesa, Román
( A Coruña, 28 de febrero de 1854 - 10 de septiembre de 1928 )
Biografía
Militar de carreira, profesor de debuxo e pintor, a súa vida transcorre, agás curtas etapas en Madrid e Cataluña, na cidade na que naceu e á que quixo apaixonadamente, ata o punto de renunciar a importantes postos na súa carreira, coma o de preceptor do príncipe que chegaría ó trono como Alfonso XIII. Comezou a debuxar dende moi neno. Estudiou na Escola de Artes e Oficios herculina. Como militar destinárono ó corpo de Húsares. Pensionado pola Deputación amplía estudios en Roma. Á volta é destinado a Barcelona, como profesor de debuxo, un posto que permuta con José Ruiz Blasco, pai de Picasso, e regresa á Coruña,onde é profesor e director da Escola de Artes e Oficios. Alí ten como discípulos a rapaces que serán excelentes pintores: Souto Cuero, Morelli, Vaamonde, Francisco Lloréns, Luis Mosquera. Colabora en revistas da época e acode ás exposicóns nacionais de Belas Artes. Na de 1897 acada mención honorífica. Tamén destaca cunha escena militar de grande movemento, o seu xénero favorito e no que conseguiu as mellores obras, na Exposición Universal de Barcelona de 1888. Vai a Madrid, requirido por asuntos oficiais da súa carreira, e no Palacio Real e nos ministerios van quedando os seus cadros, algún dos cales chega ó Museo do Exército. Realiza retratos de membros da familia real, onde manifesta o seu debuxo perfecto e o seu excelente coñecemento de oficio. Políticos da época, coma Montero Ríos, tamén posan para o coruñés. Ó retirarse da profesión castrense continúa e mesmo intensifica o seu labor de pintor. Participa nas exposicións rexionais galegas de 1917 e 1923, na Coruña. Ata a súa morte, ós setenta e catro anos, seguiu traballando case sen interrupción, para deixar unha obra ampla e moi repartida polo mundo e nunha extensa colección de retratos que gardan sobre todo institucións públicas de Madrid, A Coruña e outras cidades de Galicia. Navarro é un pintor moi correcto, apaixonado polo movemento, que destaca nas escenas militares. Amou o cabalo, ó que pintou en tódalas posturas e accións imaxinables. Debeu de admirar a Gericault, a Fortuny, sobre todos. Foi un excelente autor de cadros de xénero. O tipo popular que garda a Deputación coruñesa ten unha fondura de carácter e unha entoación dignas do mellor momento de Álvarez de Sotomayor. A súa obra atópase en centros oficiais, coma o Palacio de Oriente, Ministerios e Museo do Exército, en museos de Galicia e na Deputación coruñesa e outras institucións.
Bibliografía
-Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981. -Barreiro, Alejandro: Del arte gallego. A Coruña, 1917. -Couselo Bouzas, José: La pintura gallega. A Coruña, Porto, 1950. -Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976. -Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980. -Gaya Nuño, J. A.: Picasso. Vol. I. Edit. Aguilar. Madrid, 1975. -VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.