JUAN DE LA COLINA
Martínez de la Colina, Juan
( A Coruña, 1958 )
Biografía
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, Juan de la Colina completou a súa formación artística na Universidade de Miami, en Nova York e obtivo o doutoramento en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Ao longo da súa carreira compaxinou a súa faceta creativa coa docencia. Impartiu clases de estética na Escola Superior de Deseño de Madrid, na Asociación de Creadores de Moda de España, no Instituto Europeo de Design, na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, en diversos cursos da Fundación Luis Seoane e en distintos másteres das universidades de Vigo e da Coruña. Cabe destacar o seu labor como teórico da arte, coa elaboración de numerosos artigos e a organización de relatorios.
Así mesmo, desenvolve un variado labor como xestor cultural, coa organización de diversas exposicións para centros como o CGAC ou a Casa da Parra, en Santiago de Compostela; o Círculo de Belas Artes de Madrid ou a Fundación Luis Seoane da Coruña. Así mesmo, colaborou como director artístico en diversas videocreacións e documentais, o último dedicado a María Elvira Fernández López, Maruxa, esposa, colaboradora e transmisora do legado do artista Luis Seoane.
A actividade expositiva deste autor remóntase a 1982, cando participou na súa primeira mostra na Coruña. Posteriormente expuxo en diversas cidades, principalmente españolas e portuguesas. As súas creacións consérvanse en coleccións como a do CGAC de Santiago de Compostela, Banco Exterior de España de Madrid, Biblioteca Nacional de Madrid, Banco Nacional de Venezuela ou na do Manhattan Bank de Nova York.
Juan de la Colina traballou con diversos medios ao longo da súa traxectoria e aínda que a si mesmo se define como pintor, prevalecen na súa traxectoria as creacións con fotografía dixital ou as videocreacións, xa que se interesa polo desenvolvemento da tecnoloxía, empregando novos instrumentos como o teléfono móbil.
A obra presente nesta colección, datada en 1995, pertence a un período no que o autor aínda pintaba, xa que na actualidade deixou de facelo para dedicarse preferentemente á fotografía. Sobre un fondo azul uniforme e indefinido dispón doce óvalos brancos sobre os que se recortan siluetas negras superpostas do que poderían ser perfís esquemáticos de rostros. Esta repetición en cada un dos óvalos recorda as figuras impresas nun anaco de celuloide representando o movemento. A obra pertence á serie Autorretratos, onde cada unha das composicións responde a preceptos conceptuais, sempre presentes na traxectoria artística deste autor.
Bibliografía
Revisión dunha década 1978/1988. Santiago-Vigo. 1990.