• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

JOSÉ MARÍA DE LABRA

Labra y Suazo, José María de

( A Coruña, 1925 - Palma de Mallorca, 18 de octubre de 1994 )

Biografía

José María Labra Suazo compaxinou os seus estudos mercantís con clases de pintura na súa Coruña natal para completar a súa formación académica na madrileña Escola de Belas Artes de San Fernando, na que se gradúa en 1950. Durante a súa estancia na capital ten a oportunidade de estudar paisaxe en El Paular e internarse no ámbito da ilustración.

A carreira artística de Labra toma un grande impulso na década dos anos 50, cando participa en exposicións colectivas xunto a Chillida, Feito, Mampaso ou Aspiazu a nivel nacional e internacional, ademais de realizar obras integradas en edificios públicos, abordando a temática relixiosa en varias igrexas. Así mesmo, colabora como ilustrador en varias revistas.

Interesado pola teoría da arte, redactará ao longo da súa traxectoria escritos sobre o seu ideario estético, ao tempo que se integra no Grupo Parpalló, con Sempere e Alfaro. En plena posguerra, unha das liñas da renovación plástica en España apostou polo informalismo, na que se enmarca a produción deste autor, interesado pola abstracción xeométrica, da que será un dos seus máximos representantes a nivel nacional.

Labra desenvolveu unha exitosa carreira recoñecida con diferentes galardóns internacionais, entre eles o Premio Francesco Perotti da XXVIII Bienal de Venecia ou a Medalla de Ouro de Uruguay. A súa obra en espazos públicos púidose contemplar no aeroporto de Madrid ou na antiga terminal do de Santiago de Compostela, na capela do Colexio de Formación Misioneira de Valladolid ou na Central Eléctrica do Eume da Coruña, entre outras localizacións.

A linguaxe plástica de Labra foi moi persoal. Definía a súa pintura como figuración simbólica, que describía así: “Considero, pues, el arte de la figuración como un juego creador de figuras con las que anunciar, enunciar y denunciar nuestras visiones y vivencias”. Na súa produción xúntanse arquitectura, deseño e matemáticas e empregou para as súas composicións diversos materiais como madeiras, fíos, redes, arames, cravos, ademais de pigmentos, achegando volume ás súas obras bidimensionais, que concibía como símbolos.

Das nove obras pertencentes a esta colección, seis, unha delas é escultura, recrean o estilo abstracto de Labra e o seu interese pola xeometría e sobre como a luz se comporta sobre as superficies, recreando formas ou mellorando as que observa na natureza. Datadas, a excepción da escultura, na década dos 80, pertencen ao período final da súa carreira, ademais de introducir de novo o colorido intenso en varios exemplos, opción que xa traballara a mediados dos anos 70.

Gran debuxante, a súa pericia obsérvase en Vella da touca negra e en Patrón, retratos de dous anciáns en primeiro plano sobre fondos indefinidos, realizados en pequenas dimensións, que lle permite recrearse nos trazos xestuais. O pequeno formato pasaría a ser o protagonista da súa produción desde finais dos anos 80.

Respecto á obra Lyra, datada en 1970, mostra unha nova forma de como abordar o espazo a través dun obxecto escultórico. Nesta década, realizará varias obras similares baseadas en conxuntos de varas de aceiro, concibidas como estruturas de repetición múltiples, moitas con movemento. A obra pertencente a esta colección foi exposta en 1974 na madrileña Galería Múltiple 417. Este decenio coincide tamén coa súa participación en 1972 na Bienal de Venecia, coa súa consolidación internacional e co seu traslado a Mallorca, onde atoparía o seu lugar de residencia definitivo.

Bibliografía

AGUILERA CERNI, V.: Panorama del nuevo arte español, Edic. Guadarrama, Madrid, 1966.

AREÁN, C.: 30 años de arte español, Edic. Guadarrama, Madrid, 1972.

CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo, Ibérico Europea de Edic.,  Madrid, 1973.

CHAMOSO LAMAS, M.: "Arte", en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.

CHÁVARRI, R.: Labra, Dir. Gral. de Bellas Artes, Madrid, 1972.

FISAC, M.: José María de Labra, pintor, Ateneo, Madrid, 1955.

GAYA NUÑO, J. A.: La pintura española del siglo XX, Ibérico europea de Edic., Madrid, 1970.

JOSÉ María de Labra, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1997.

MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.

MORENO GALVÁN, J. M.: Introducción a la pintura española actual, Publicaciones españolas, Madrid, 1960. 

PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.

PABLOS, F.: Colección Adriano Marques de Magallanes, Concello de Vigo, Vigo, 1992.

VV. AA.: Exposición antolóxica, Caixavigo, Vigo, 1985. 

Obra

  • Patrón

    Patrón 1985

  • Trigono Tántrico

    Trigono Tántrico 1984

  • Lyra

    Lyra 1970

  • Lumbre

    Lumbre 1984

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78