ÁNXEL HUETE
Huete Vales, Ángel
( Ourense, 1944 )
Biografía
Ánxel Huete criouse no seo dunha familia ourensá en constante contacto con intelectuais, unha circunstancia que afianzaría a súa relación con outros artistas galegos como Virxilio, Acisclo Manzano, Xosé Luis de Dios ou Xaime Quessada. Na década dos anos 60 trasládase a vivir en Vigo e máis tarde a Barcelona, para proseguir a súa formación na Escola Massana e na Escola de Belas Artes de San Jordi. Posteriormente, en Berlín seguirá estudando e poderá viaxar por distintos lugares de Europa. Interésase pola corrente da pop art, do expresionismo e da abstracción e decántase estilisticamente por esta última para abordar a maior parte da súa produción.
A comezos da década dos 80 participou nas actividades organizadas polo colectivo Atlántica, formado por artistas e intelectuais como Antón Patiño, Menchu Lamas ou Guillermo Monroy, que pretendían contribuír á renovación do panorama creativo galego, introducindo formulacións técnicas vinculadas ao expresionismo abstracto estadounidense. Huete residiría entre 1981 e 1982 en Nova York, onde vai definindo o seu estilo persoal, mentres investiga sobre unha abstracción baseada en xogos cromáticos que estruturan as súas composicións.
Tras a súa etapa americana regresará a Pontevedra e fixa o seu estudio na localidade de Domaio. Decide realizar o doutoramento na Facultade de Belas Artes de Salamanca e obtén o grao de doutor na Universidade de Vigo, na que exercería como profesor. Huete compaxinou o seu labor creativo e docente co de comisariado de varias exposicións, así como co de ilustrador, de xeito que colabora en numerosos libros e publicacións.
A súa obra está presente en destacadas coleccións como a do Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo do Gravado de Bos Aires, Museo Municipal Quiñones de León de Vigo ou Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, ao longo da súa carreira, realizou encargas para espazos públicos como os murais realizados no acceso ao porto de Vigo, o Colexio Público de Armenteira ou a Alameda de Chapela, na cidade olívica.
As nove obras presentes na colección de Afundación responden aos presupostos estilísticos de Ánxel Huete, nos que domina o concepto abstracto da superficie total. Catro exemplos, dous deles pertencentes á serie Ensaios sobre a violencia, dátanse na década dos anos 70, período no que acaba de regresar de Berlín, cidade na que se interesa polo expresionismo abstracto, neste caso europeo. As composicións énchense de planos xeométricos de cor sobre os que se observan amplos trazos xestuais que achegan dinamismo ao resultado final; ao mesmo tempo hai espazo para a racionalidade e a sobriedade xa que, en ocasións, a superficie de traballo queda ao descuberto. As cores, azuis, malvas, vermellos, brancos ou amarelos, contrastan logrando unhas obras cheas de viveza, reforzada polas grandes dimensións coas que adoita traballar este artista.
Da década dos 80 son as obras Anxo exterminador e Bodegón frívolo, nas que o autor retoma a figuración introducindo obxectos recoñecibles recreados sobre fondos neutros en composicións que beben do surrealismo. Finalmente son tres as obras pertencentes aos anos 90 e 2000. Baixo os títulos Trama negra, Memoria de África e Atlantic Nostrum. Construción permanente, Huete afonda nun informalismo de carácter intimista, onde a simplificación e depuración estilística se achega ás gamas cromáticas máis apagadas e unha forte base conceptual que acabará por marcar o resultado final.
Bibliografía
Cunqueiro, Alvaro: Catálogo Ateneo de Pontevedra. Pontevedra, 1967.
Blanco Amor, Eduardo: Catálogo Caixavigo. Vigo, 1971.
Reixa, Antón: Catálogo Caixavigo. Vigo, 1979.
Pablos, Francisco: Plástica Gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Bonet, Juan Manuel: Catálogo «Cuatro Pintores de Vigo». Vigo, 1982.
Sobrino Manzanares, M. L.: «Anxel Huete», Gran Enciclopedia Gallega. Tomo XVIII. 1984.
Castro, Xosé Antón: «Expresión Atlántica: Arte Galega dos 80». Ed. Follas Novas. Santiago, 1985.
«Antropoloxía e Memoria: Visao Actual da Arte Galega». F. Gulbenkian. Lisboa, 1987.
Pinto de Almeida, Bernardo: «Baiona. Horizonte Atlántico» 1988.
Mendez Ferrín, X. L.: «Huete para min». Caixagalicia. La Coruña, 1988.
Calvo Serraller, Francisco: Enciclopedia del Arte Español del siglo XX. Volumen I. Madrid, 1991.
Castro, Xosé Antón. Catálogo Exposición Casa das Artes. Vigo, 1992.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Excmo. Ayuntamiento. 1992.
González Alegre, A.: «Trazos e Camiños». Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 1993.
Rey, Francisco: «Inicio dunha Colección». Centro Galego de Arte Contemporánea. Santiago, 1995.