ALEJANDRO GONZÁLEZ PASCUAL
González Pascual, Alejandro
( A Coruña, 10 de octubre de 1930 - 13 de noviembre de 1993 )
Biografía
Criado nunha familia burguesa dedicada ao comercio de tecidos, Alejandro González Pascual formouse en contacto directo coa natureza nos arredores das localidades coruñesas de Ferrol e Xubia, onde os ríos e os bosques inspirarían a creatividade do futuro artista, así como a afección do seu pai pola acuarela.
En 1944 será A Coruña a cidade elixida para fixar a residencia familiar e é nesta cidade onde o futuro pintor se forma na Escola de Artes e Oficios, ao tempo que traballa na empresa familiar. A vida urbanita permitiulle forxar unha gran bagaxe intelectual, frecuentando o Círculo de Artesáns, gozando da amizade de músicos como Izquierdo, Buján ou Carrá, ao tempo que colaborou coa revista Atlántida, que reaccionou contra o academicismo na procura da renovación literaria e plástica. Desta época que abrangue a metade da década dos anos 40 e os anos 50 datan as súas primeiras ilustracións para libros, a realización de decorados para teatro e as súas primeiras exposicións.
Na localidade coruñesa de Mera edificará a súa casa, en plena natureza, o que lle permite dedicarse a pintar e empaparse de inspiración para a súa produción, que continuará amosando en diversas mostras a nivel español e europeo. Con todo, en Galicia a súa obra era escasamente comprendida e a ausencia dunha tradición de coleccionismo impediu que fose máis recoñecido entre o público. Non será ata os anos 70 cando decida abandonar o negocio familiar por mor do alto ritmo de actividade creativa e á súa alta participación en exposicións, que lle impedirán compaxinar ambas as profesións. Desde entón dedicaríase exclusivamente á súa carreira artística, onde as paisaxes, os arboredos ou os bodegóns protagonizarán a súa produción pictórica.
As obras presentes nesta colección son cinco bodegóns datados nas décadas dos anos 80 e 90, que representan as características do estilo pictórico de González Pascual, sempre moi independente, afastado de escolas, grupos ou correntes coetáneas á súa traxectoria. Tecnicamente foi un pintor metódico, preocupado pola obtención das mellores calidades e matices que lle proporcionaba a materia que empregaba. A súa gama oscila entre os grises, os pratas, os rosas ou os azuis, sempre tenues e temperados.
Coa aparente sinxeleza das súas composicións, González Pascual consegue transmitir atmosferas que destilan misterio e intimidade e, como obxectivo principal, investigar a luz, unha constante ao longo da súa carreira. O seu interese polas naturezas mortas e polos bodegóns, a el gustáballe denominalos interiores, intensificouse na última etapa da súa carreira, á que pertencen as obras analizadas. Nelas o autor plasma as características que definen a súa produción: composición equilibrada, austeridade e traballo coa cor.
Para a súa realización, González Pascual combinaba obxectos que tiña no seu estudio, como mazás, limóns ou marmelos; con cristalarías e mantelarías ou con cerámicas decoradas. Traballa con agrupacións sinxelas, eliminando o superfluo, nas que o espectador poida centrar a atención, resaltándoas sobre fondos planos, onde toman protagonismo os brancos e mais os grises, bañados por unha luz dirixida que potencia o claroscuro, destacando os volumes dos obxectos.
Os bodegóns da súa última etapa resumen o afán investigador que enlazou a traxectoria artística de González Pascual, apostando pola austeridade e mais a sobriedade traducidas en composicións auténticas e limpas iluminadas por gamas infinitas de grises e brancos.
Bibliografía
ARTE galego, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1992.
CHAMOSO Lamas, M.: Arte en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
TEMPOS de pintura, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1985.
VANGARDAS e silencios, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1984.