ROBERTO GONZÁLEZ DEL BLANCO
González del Blanco, Roberto
( León, 2 de diciembre de 1887 - Santiago de Compostela, 16 de mayo de 1959 )
Biografía
Leonés de nacemento, reside en Santiago de Compostela desde que conta con dous anos de idade ao quedar orfo de pai. Realiza estudos de Bacharelato ao mesmo tempo que asiste a clases de debuxo con Ángel Bar, Eugenio Villar, José Fenollera e Tito Vázquez como mestres. En 1905 trasládase a Madrid para estudar Ciencias Exactas, abandona tras un ano e inicia Medicina en Santiago; que continúa en Madrid a partir de 1911, e compaxínaa coa súa verdadeira vocación con clases nocturnas no Círculo de Belas Artes e coa formación no obradoiro de Ricardo Baroja. A súa formación artística verase complementada cunha etapa como discípulo de Eduardo Chicharro en Ávila, e en 1930 viaxará cunha bolsa a Inglaterra e Francia para estudar vidreira artística. En 1912, cando acababa de licenciarse en Medicina en Santiago, embárcase nunha viaxe por Palestina e Exipto. Posteriormente visitará e, en ocasións, residirá, en lugares como Italia, Grecia, Turquía, Tánxer, Cuba ou Nova York. Ao longo da súa vida ten un labor moi destacado como docente, pois imparte clases de Debuxo ou Anatomía Pictórica na Escola de Artes e Oficios de Cádiz, na Escola de Artes e Oficios, no Instituto Xelmírez e na Escola de Traballo de Santiago, e na Escola Superior de San Fernando en Madrid. En Santiago monta Jacobea, un obradoiro de artesanía con Enrique Meyer, onde se realizaban traballos artesanais de vidreiras, mobles e prataría. Como pintor dáse a coñecer en 1909 na Exposición Rexional Galega que tivo lugar en Santiago, na que obtén a medalla de ouro e á que seguirán numerosas exposicións en destacadas cidades galegas, Madrid, Venecia, París, Bos Aires, A Habana e Montevideo. Casa con Rosario Pereira y Miranda en 1929 e o inesperado falecemento do seu fillo en 1958 causa un impacto devastador no artista ata o seu falecemento. Foi nomeado académico da Real Academia de Belas Artes da Coruña (1954). En 2015 o Museo do Pobo Galego dedicoulle unha retrospectiva co título O universo de Roberto González del Blanco, exposición que recollía a obra máis importante deste autor. Editouse un catálogo para a ocasión.
A nivel estilístico González del Blanco parte dunha pintura arcaizante e inspírase en mundos exóticos como Grecia ou a India a comezos da segunda década do século XX. Contra 1925 suprime toda referencia arcaizante, exótica e ecléctica; o seu estilo evoluciona cara a un realismo costumista luminista evoca a Sorolla e tamén se vinculou co naturalismo de finais do século XIX e principios do XX—. Destaca o seu enorme dominio do debuxo académico e un excelente oficio como pintor. A fidelidade documental era o seu propósito, sen concesións á creatividade, e nos seus temas evidénciase a súa preferencia por representar a Galicia rural. Unicamente na etapa da guerra e posguerra representará unha visión estilizada da realidade nas súas obras, na liña da súa primeira etapa artística. A partir de 1952, na súa etapa final, retorna ao costumismo luminista. Ademais da temática costumista abordou as naturezas mortas e os retratos con extraordinario éxito.
En 2015 o Museo do Pobo Galego dedícanlle unha gran retrospectiva baixo o título O universo de Roberto González del Blanco. A obra Foliada (1923), que forma parte da Colección Afundación, inscríbese, máis que nun realismo luminista, nun naturalismo na liña de Chicharro e Sotomayor, no que se reflicte unha influencia da pintura florentina. A foliada, festa popular do medio rural, coas características gaitas e pandeiretas acompañadas de cante, aparece representada a través de tres figuras agrupadas que portan roupaxes folclóricas típicas de variada textura e colorido.
Bibliografía
VV. AA.: Roberto González del Blanco. Santiago, Xunta de Galicia, 1992.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo,1981.
Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.
Ilarri, Angel: Catálogo del Museo Quiñones de León. Vigo, Ayuntamiento, 1978.
Gaya Nuño J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970.