VIRXILIO
Fernández Cañedo, Virxilio
( Ourense, 1925 - 2011 )
Biografía
Virxilio Eduardo Fernández Cañedo ten unha traxectoria expositiva que comeza no Liceo da súa cidade natal na segunda metade da década dos anos cincuenta e conclúe na Casa-Museo Otero Pedrayo en Trasalba/Amoeiro en 2007. Co aprendido en Artes e Oficios, e coa ensinanza personalizada do seu director, Luis Fernández Pérez, “Xesta”, pode ingresar en 1957 en l’École National Supérieur des Beaux Arts de París, mais apenas vai a clases, aprendendo os trucos da profesión do seu xefe de obra, como pintor de brocha gorda, o que resulta decisivo pois ademais de venderlle os debuxos converterase no seu marchante tras o seu regreso a Ourense en 1962. Comeza abríndose camiño en colectivas: Vinte pintores galegos (‘O Galo’, Santiago, 1961), Arte galega (Lugo, 1964), Arte actual de Ourense (Madrid, 1962) ou Mostra de arte galega (Barcelona, 1965). Os Sete artistas galegos (1965), que apadriña Otero Pedrayo, co núcleo de “O’Volter”, Quessada, Acisclo e De Dios, participando co seu amigo Baltar, proxecto ao que se uniran Buciños e Pousa. É esta unha dinámica que mantén ata o final, caso da súa exposición con Acisclo, Alexandro e Vidal Souto na Galería lucense A Catedral.
Virxilio desenvolve unha simplificación formal, de raíz expresionista, coa utilización un tanto arbitraria da cor, de progenie Fauve. Para os seus cadros utiliza como formato característico táboas como soporte, necesarias para os seus temas realizados con areas mesturadas en capas miúdas para xerar relevo, con pequenas volutas curvas. É un efecto que ten na base o debuxo, a lapis ou pluma, engadindo tintas planas aplicadas con intensas cores, efectivo recurso que o identifica, sistema que utiliza así mesmo en carteis e portadas de libros. Así para Manuel Alvar, Martín de Riquer, Xesús Rábade, Uxío Novoneyra, ou o dedicado a Manuel Luís Acuña, e tamén para a Grande Enciclopedia Galega, viñetas e letras capitulares. Destaca así mesmo a súa carpeta de serigrafías do Conde de Gondomar de 1991.
Participou en 1972 na mostra colectiva de Amnistía do Palacio Real de Milán, Italia, dedicada a España, década na que reside na Colonia da R.F. Alemá. Traballa e expón alí, en Bonn, Berlín e Frankfurt, que foi a última en 1987, onde xorde a temática dos cafés de Jazz. Nestas dúas décadas logra o artista o seu estilo máis propio e fecundo, con anchas pinceladas redondas que asemellan nubes puntillistas, con Galicia no centro, desde os temas de viño e vendimadoras, tan fecundos, ou o das “Cachondas do Paraguay”, que aparecen nas que fai nas Caixas de Ourense e Vigo en 1985; as paisaxes de sensacións dos pescadores de baixura nas rías, unha pintura na que domina a serenidade e a alegría de vivir, unha síntese vital con claves existenciais. A súa actividade foi recoñecida xa desde comezos da década dos anos noventa, desde a súa primeira antolóxica no Centro Cultural de La Caixa en Vigo, pasando pola de Ourense en 2006 e culminando en Madrid, 2009, da Xunta de Galicia, aínda que o artista, tan discreto coma longo de talle, gustase máis das pequenas mostras como a de 2007 na Casa-Museo de Otero Pedrayo.
En la Colección de Afundación se conservan tres obras sobre papel u un óleo con la temática propia de este artista: paisajes y bodegones.
Limia Gardón
Bibliografía
Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976.
Franco, Camilo: Virxilio. Exposición antológica. Vigo, Caixavigo, 1990.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia 1987.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pablos, Francisco: “O secundario elevado ó protagonismo” na presentación do catálogo da exposición “Bodegóns e Floreiros”, reproducido co núm. 16.
Gran enciclopedia gallega. Gijón, S. Cañada Edit., 1974 y ss.
Vangardas e silencios. Compostela, Xunta de Galicia, 1988.