ANTÓN FAÍLDE
FAÍLDE GAGO, ANTÓN
( Ourense, 1907 - 1979 )
Biografía
De orixe humilde, a súa nai emigra a América cando o pequeno Antón ten pouco máis dun ano. Vive en ámbitos aldeáns cos seus avós, dedicado ó coidado do gando. A aprendizaxe como escultor iníciaa en Piñor, seguindo os pasos do seu tataravó, «santeiro» que traballou mesmo ó tacto cando, xa ancián, quedou cego. Ós doce anos, Antón traballa como canteiro en Ourense, en tarefas industriais que lle dan un grande dominio do oficio. Matricúlase na Escola de Artes e Oficios, onde é alumno dun magnífico didacta, Luis Fernández Xesta, que tanto influíu na formación de artistas ourensáns. Co mestre Nuñéz aprende a talla-la madeira e con Daniel Piñeiro continúa o seu contián labor. Ó concluí-lo primeiro cuarto do século XX, Failde ten xa o seu propio taller e nel iníciase na verdadeira creación artística, convencido de poder ser un escultor persoal a partir do seu oficio de canteiro e tallista. En Ourense convive con outros artistas e estudia apaixonadamente catedral, con pórtico da escola do Mestre Mateo, xenial escultor do Pórtico da Gloria compostelán. Acode tamén ó museo, para se empapar das vellas formas da pedra, desde as mostras ibéricas ata a imaxinería relixiosa do barroco. Traba amizade cos intelectuais da xeración «Nós»: Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo. Failde comeza a expresarse na talla directa do granito do país, a partir da lección do románico e do gótico. Cultívase en constantes lecturas. Pouco antes da Guerra Civil é bolseiro da Deputación ourensá para seguir estudios na Escola de San Fernando de Madrid. O avatar bélico trunca a súa carreira. Concluída a contenda, regresa a Ourense e gaña unha praza de profesor na Escola de Artes e Oficios, un posto que desempeñou ata o seu cese voluntario en 1956. Entre os seus alumnos destaca un escultor en certa maneira identificado con el, Arturo Baltar. Failde tardou moito tempo en expoñe-la súa obra persoal. As primeiras mostras datan de 1949, en Ourense, 1950, en Vigo, e en 1951, en Bos Aires. Na cidade viguesa acada considerable eco, dentro do escaso ambiente artístico que daquela se vivía nun medio eminentemente industrial. Ó fin aparece en Madrid, en 1953. A crítica máis esixente eloxia a este escultor diferente, tradicional e modernísimo a un tempo. Envía obra á II Bienal Hispanoamericana na Habana, e á terceira edición, de 1956, en Barcelona. A resonancia das súas aportacións lévano a ser elixido membro correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando en 1957. A súa grande mostra madrileña efectúaa na sala da Dirección Xeral de Belas Artes, en 1960. Realiza algúns monumentos públicos, coma o de Alfonso X o Sabio, de gran tamaño, na vila de Pontedeume, en 1970, e o busto de Bolívar, en Vigo, algo anterior. Volve a expoñer en Madrid en 1968, dúas veces máis en Vigo, nas salas de Caixavigo, da cal o Centro Cultural lle dedicará unha antoloxía póstuma en 1986. Tamén leva a súa obra a Caracas, en 1979, ano no que falece o escultor, na súa cidade natal, a primeiros de xuño. A obra de Failde Gago figura no Museo da Arte Contemporánea de Madrid e en tódolos de Galicia. Institucións de ensinanza, coma os Hirmáns Maristas, solicitan a súa obra para o colexio de Ourense, onde ten relevos de considerable entidade. A obra de Failde está presidida pola tersura, a sinxeleza e unha sabia e exquisita simplificación, dunha sensibilidade intimista que responde moi ben ó seu carácter. Era un home miúdo, rexo, algo tímido, aínda que con vontade indomeñable. Emparentado directamente co románico, parece que retomou os cinceis que abandonaron os mestres do século XII para facer seu un espírito relixioso absolutamente encantador, sorinte, sen drama. Ás veces remontaba moito atrás; algúns dos seus torsos, tallados coma gran parte da súa obra directamente no duro granito galego, semellan pezas do período ibérico anterior á era cristiana. O mundo infantil está moi presente na súa obra, con exemplos absolutamente inefables de dozura e encanto. Tamén a maternidade é tema reiterado, así como os grupos músicos ou lúdicos. Non adoitaba traballar en grandes dimensións, pero as súas pequenas pezas posúen a grandiosidade de concepto que está reservada a moi poucos creadores das formas corpóreas.
Bibliografía
-Trabazo, Luis: A. Failde. Madrid, Ministerio de Educación y Ciencia, 1970. -Carballo-Calero Ramos, Mª Victoria: Antonio Failde. Ourense, Diputación Provincial, 1986. -Trabazo, Luis: Piedra, barro, bronce en tres escultores gallegos. Ourense, Diputación Provincial 1978. -Pablos, Francisco: Failde. Vigo, Caixavigo, 1986. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Suevos, Jesús: Antonio Failde. Madrid, Dirección General de Bellas Artes, 1960. -Aguilera Cerni, Vicente: Panorama del nuevo arte español. Madrid, Edic. Guadarrama, 1966. -Pablos, Francisco: Itinerario Plástico de la provincia marista de León. Zaragoza, Edelvives, 1989.