• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

XOSÉ CID

Cid Menor, José

( Santa Cruz de Rábeda, San Cibrao das Viñas, Ourense, 1946 )

Biografía

Artista autodidacta, Xosé Cid formou parte de Os Artistiñas, o grupo de creadores ourensáns bautizados con ese nome por Vicente Risco a comezos dos anos 70, e do colectivo O Volter. Influído pola produción de Manuel Buciños, axiña comezaría a expoñer en diversas cidades galegas e a investigar con diversos materiais como a pedra ou a madeira. Interésase polos diferentes acabados que lle poden ofrecer as distintas materias.

A obra de Cid pódese contemplar en espazos públicos como o Parque Escultórico da Torre de Hércules (A Coruña), o Pazo de Vilar Arin (Ourense), a praza Paz Nóvoa (Ourense), a igrexa de Santa Eufemia de Ourense, o Colexio Público de Melón (Ourense), a fachada da casa reitoral de Soutopenedo (Ourense) ou o Instituto de Carboquímica do CSIC de Zaragoza, entre outros. Así mesmo, participou en diversas exposicións ao longo da súa traxectoria en cidades como Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra ou A Coruña. A carreira deste autor foi recoñecida co Primeiro Premio Mestre Mateo e coa terceira medalla da Trienal de Santiago de Compostela.

A colección de Afundación conserva nove esculturas realizadas por Cid, que abarcan desde finais dos anos 60 ata a década dos anos 90. Nelas traballa diversos materiais como o bronce, a madeira, o barro ou a pedra. As súas buscas plásticas fan que o seu estilo oscile entre a figuración de obras como Labrego, Muller da Rabeda ou Parella, nas que aborda o vulto redondo e un acabado rudo onde destaca a rotundidade de volumes. Inspírase nunha temática cotiá protagonizada por distintos tipos da sociedade galega. As dúas maternidades e as obras tituladas Mulleres e Torso, realizadas as primeiras en madeira e as últimas en mármore e pedra, destacan polas liñas suaves e redondeadas que dulcifican o acabado, ao mesmo tempo que se sintetizan as formas e se dilúen nunha expresión sintética. Cabeza e Cabeza de adolescente, datadas nos anos 90 e realizadas en bronce, amosan o evolución cara á abstracción do estilo de Cid, nas que os trazos fisionómicos apenas se insinúan. Inspírase na produción de Brancusi e Modigliani e aposta decididamente pola economía de formas e polo contraste entre distintos acabados da superficie, con zonas máis pulidas e outras máis rugosas.

Bibliografía

GRAN Enciclopedia Gallega. Vol. VI., Edit. Silverio Cañada, Gijón, 1974.

PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.

PABLOS, F.: Catálogo del Museo de Castrelos, Concello de Vigo, Vigo, 1995.

PONTEVEDRA con Centroamérica, catálogo da subasta en beneficio dos damnificados polo furacán Micht, Deputación de Pontevedra, 1999. Reproducida a obra na p. 68.

Obra

  • Labrego

    Labrego 1968 - 1970

  • Mujeres

    Mujeres 1977

  • Cabeza

    Cabeza 1994

  • Torso

    Torso 1975

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78