XESÚS CARBALLIDO
Carballido Cibeira, Xesús Antón
( O Carballiño, Ourense, 1954 )
Biografía
Non ofrece sobre si mesmo outra referencia que a do seu nacemento, no Carballiño, Ourense, en 1954. Silencio absoluto, pois, respecto dos seus anos de formación que na súa obra acusa ser variada e rica.
Comezou a expoñer individualmente en 1992, en Noia, A Coruña, e fíxoo en case todas as cidades e vilas importantes de Galicia. Colectivamente apareceu na terceira Mostra Unión Fenosa de 1993 e, posteriormente, a súa obra estivo presente en mostras de Ourense, A Coruña, A Mancha, Madrid e en Francia e Santiago de Cuba. Está representado no Museo Unión Fenosa da Coruña, na Fundación Granell de Compostela e noutras coleccións de Galicia e Cuba.
A arte de Carballido é absolutamente peculiar, inconfundible. Partindo de evocacións de obxectos, gravados, xoguetes adminículos dun pasado entre remoto e próximo, recrea estampas, deseños, postais, como se todo estivese envellecido, amarelecido polo paso do tempo. Participa da colaxe, do pop e non pouco do surrealismo, porque á fin é tanto ou máis onírico ca recreador do real.
A pátina que o po crea sobre o abandonado parece apoderarse da obra deste artista estraño, ás veces tamén próximo aos modos do construtivismo de Torres García en canto á composición de "crebacabezas". Ocres e sepias, cartolinas abarquilladas, obxectos de ortopedia e publicidade do pasado, que encantarían ao barroquismo Gómez de la Serna, o galego simplifícaos, reducíndoos a perfís, a liñas concisas, a meras siluetas inscritas en táboas perforadas, abichadas, emerxendo de caixas de madeiras aromáticas que perderon xa o seu aroma. Constrúe, a xeito de retablos, ámbitos imposibles de referenciar concretamente e que, non obstante, todos temos na memoria, porque cremos velos non lonxe do noso ámbito cotián.
Esa actitude levou a Carballido á escultura, ou máis ben ao obxecto corpóreo, en composicións complexas que acumulan sabiamente, aínda que con aparencia de despreocupación, os obxectos máis varios, dende tipos de imprenta a cunchas mariñas, ferros forxados, restos de xoias, etiquetas de produtos comerciais e mil cachifallos máis.
O seu barroquismo irrenunciable é, ás veces, secuela de cubismo razoante, xeométrico e cabal, ou debuxo infantilizado que eleva a transcendente e preocupante. Ou simplemente, combina caixas e pequenos estoxos metálicos onde aparece aínda, esvaecida, a imaxe que lle serviu de atractivo en data indeterminable.
Inventario de rarezas, recuperado faiado da memoria, populismo intelectualizado. A capacidade creadora de Carballido é inmensa a partir do reto que para el supón todo ese mundo de escoura e almoeda que tan habilmente manexa.
Bibliografía
A VIAXE. X. CARBALLIDO, Fundación Eugenio Granell, Santiago de Compostela, 1997.
PALLARÉS, C.: X. Carballido. Seica, Belarde, Madrid, 2002.
SEICA EN OURENSE, Deputación de Ourense, Ourense, 2004.
SEICA. X. Carballido, Museo do Pobo Galego, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2021.