BUJADOS
Bujados Fernández, Arcadio Manuel
( Viveiro, Lugo, 1889 - Bell Ville, Córdoba, Argentina, 1954 )
Biografía
Identificado co modernismo, que arrastra modos románticos, Bujados é unha personalidade atractiva e, malia isto, escasamente divulgada hoxe, pese a que no seu tempo gozou de considerable fama, a ámbolos lados do Atlántico, sobre todo como ilustrador, cuns traballos que aparecían en publicacións periódicas dos chamados anos de entreguerras. Sendo moi neno emigrou, cun dos seus irmáns, a Bos Aires, onde permaneceu algún tempo. De regreso a España comezou en Madrid a carreira de enxeñeiro industrial, que abandonou para dedicarse á arte, a súa gran paixón. Alternou a pintura coa ilustración. Os seus traballos deste carácter apareceron en La Esfera, revista entonces de grande difusión, se ben os asinaba con seudónimo. A súa peculiaridade de elegancia e excelente liña mereceron eloxios de críticos como Tomás Borrás e José Francés, santón de moitos anos na vida artística española. Participou en 1913 na Exposición de Artistas Galegos que tivo lugar en Madrid. Ó ano seguinte fíxoo no Salón de Humoristas, onde tamén destacaron outros artistas galegos. Igualmente fíxoo na grande Exposición rexional da Coruña, de 1917. A súa derradeira exposición en España realizouna en 1927. O resto da súa vida transcorreu en Arxentina, onde faleceu ós cincuenta e cinco anos. Bujados é un pintor literaturizante, evanescente, de ámbitos de ensoñación, cun oficio exquisito, sobre todo como debuxante. Identifícase co gusto do seu tempo, que indubidablemente parte da luminaria que foi o británico Aubrey Beardsley, ilustrador de obras de Oscar Wilde. A súa obra está desperdigada por publicacións periódicas. Dominou as máis variadas técnicas, desde o óleo á acuarela e a gouache. E sobre todo, a pluma, con primores de trazo que se aproximan ó bordado ou á ourivería. Desgraciadamente, está moi pouco representado nos museos e coleccións de Galicia, polo que calquera das súas obras é importante, sobre todo esta La domadora de ideas (1927, COL Afundación), que se mostrou na mencionada exposición herculina de 1917.
Bibliografía
BARREIRO, A.: Del Arte gallego, A Coruña, 1917.
CHAMOSO LAMAS, M: «Arte», en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.
VILANOVA RODRÍGUEZ, A.: Los gallegos en La Argentina, Buenos Aires, 1966.
GRAN Enciclopedia Gallega, Vol. 4., Silverio Cañada Edit., Gijón, 1974.
ESTÉVEZ ORTEGA, E.: Arte gallego, Edit. Lux, Barcelona, 1930.