O edificio foi redeseñado polo arquitecto pontevedrés César Portela cunha filosofía de combinar a tradición formal do inmoble coa estética do século XXI, dotándoo dunhas instalacións innovadoras acordes aos seus novos usos sociais.
Partimos dunha construción realizada en tres fases diferentes. Adquirimos o primeiro edificio en 1944 e, con proxecto de Emilio Quiroga Losada, inaugurámolo en 1948. A continuación eriximos un bloque anexo na rúa Augusto González Besada, estreado en 1956, con proxecto de Robustiano Fernández Cochón. E finalmente, en 1974, estreamos unha moderna ampliación cara á rúa Campolongo que foi proxectada por Joaquín Basilio Bas.
O edificio remodelado conserva dúas fachadas de pedra combinadas cunha enorme cristaleira na parte posterior, que lle achega un aspecto vangardista. No interior, un formidable vestíbulo, ao que se accede pola rúa Augusto González Besada e a praza de San Xosé, comunica as diferentes estancias. Está coroado por unha escultura de bronce de 6 metros de alto, do escultor Cándido Pazos, que representa a Teucro, o mítico fundador da cidade.
Ofrecemos a posibilidade de alugar os seus espazos a entidades públicas e privadas, así como a organizacións non gobernamentais que desempeñen actividades acordes coa filosofía do centro. Os devanditos espazos dispoñibles para aluguer son: o auditorio, a sala de conferencias, a sala de reunións, a sala de consello, as aulas e as salas de exposicións.
Accesos
Estación de autobuses: Av. da Estación s/n. Máis información da estación de autobuses de Pontevedra.
Estación de trens: Av. da Estación s/n. Máis información da estación de trens de Pontevedra.
Aeroporto: a 36 km de distancia. Máis información do aeroporto de Peinador.
Se che interesan os nosos espazos, ou se tes algunha dúbida, podes contactarnos no 986 120 082 ou en socioculturales@afundacion.org