Descubre do 14 de xaneiro ao 11 de maio de 2019 na Sede Afundación de Lugo as fotografías galardoadas no concurso «European Wildlife Photographer of the Year», unha escolma excepcional de imaxes emocionantes, divertidas, poéticas e inspiradoras. O seu poder emocional amosa unha vez máis o papel crucial da fotografía de natureza en facer ver a fascinación que esta exerce sobre nós e, por tanto, contribúe a unha mellor comprensión e a unha maior conciencia da necesidade da súa protección.
Por primeira vez nos 17 anos da súa existencia, este concurso ten dous gañadores xerais: Coas dúas lebres das montañas, Erlend Haarberg de Noruega capturou con éxito un tema raro. Raras, porque as lebres das montañas en Noruega están catalogadas como especies vulnerables en extinción. Na segunda imaxe gañadora, a fotógrafa alemá Britta Jaschinski, documenta unha acción brutal contra a Natureza. O efecto de dous tallos confiscados, e que están realizados con patas de elefante e pel de cebra, é cativador e deprimente ao mesmo tempo.
A exposición recolle a totalidade das fotografías premiadas no concurso GDT europeo Wildlife Photographer of the Year. É un concurso aberto a persoas profesionais e afeccionadas da fotografía procedentes de calquera país europeo. O concurso experimentou un forte crecemento nos últimos anos, concorrendo a esta edición 18.126 imaxes e 1.381 fotógrafos de 39 países europeos. Entre as persoas premiadas ás súas diferentes edicións atópanse as máis prestixiosas da fotografía europea.
Poderás ver os dous premios absolutos e os gañadores, finalistas e mencións especiais das 9 seccións temáticas en que se agrupan as imaxes. Hai un total de 84 imaxes onde se reúne o mellor da arte da fotografía da natureza. Grazas á pericia técnica e artística e, en moitas ocasións, á sorte, podemos contemplar aspectos sorprendentes, puntos de vista insólitos ou perspectivas marabillosas. Unha visión diferente dos animais, plantas ou paisaxes que percibimos camiñantes, sendeiristas, viaxeiras e viaxeiros ou submarinistas. E esta sorprendente perspectiva, ou o tema elixido, ou quizais o momento da captura, logran emocionarnos e inspirar unha nova conciencia a favor da defensa da biodiversidade do planeta.
«Fotógrafos da Natureza 2018» está organizada en 9 seccións: Aves, Mamíferos, Outros animais, O mundo submarino, Eloxio das plantas, Paisaxes, O home e a natureza, Forma e composición e Novos fotógrafos, ademais da fotografía á que se outorga o premio absoluto European Wildlife Photographer of the Year, que no ano 2017 foi dobre.
ACTIVIDADES ESCOLARES
Nun mundo onde cada vez hai menos espazo para os ecosistemas terrestres e mariños, o Museo de Historia Natural de Londres tráenos cada ano, a través do concurso fotográfico Wildlife, algúns dos mellores momentos da vida salvaxe.
• Correr, saltar e chapuzar. Animais salvaxes e un pouquiño máis... Infantil a 3º de primaria
• Baixo un manto de estrelas eles dormen mellor. 4º de primaria a 1º de ESO
• WILDLIFE 2018. 2º de ESO, bacharelato e C.F.
Prezo: 1 € / participante
Previa reserva
Sede Afundación Lugo | Praza Maior, 16
areaeducativalugo@afundacion.org |
982 289 096