A Sede Afundación de Santiago de Compostela trae a exposición «Oswaldo Guayasamín 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios», unha oportunidade única para coñecer o universo do artista ecuatoriano, un dos máximos representantes das vangardas de principios do século XX, especialmente cubismo e expresionismo. Visítaa a partir do 10 de abril e ata o 30 de agosto no noso edificio da Rúa do Vilar.
DIDÁCTICA escolares
Oswaldo Guayasamín é un dos artistas latinoamericanos máis destacados do século XX, coñecido polos seus retratos de importantes personalidades e pola súa vinculación ao muralismo, ademais de pola súa alta sensibilidade e coñecemento da vida indíxena e as culturas prehispánicas. Desde a Área Educativa de Afundación preparamos un programa para toda a comunidade escolar en que tratamos valores e numerosos encontros entre as culturas española e americana.
- Pachakuti wawakuna. Infantil a 3º de primaria
Visita conto que recolle historias do pasado en quechua
- Tinkukuy qhiswa. 4º de primaria a 2º ESO
Visita obradoiro. Encontros en quechua
- Oswaldo Guayasamín. 3º e 4º ESO, bacharelato e C.F.
Visita obradoiro
Prezo: 1 € / participante
Información e reservas no 981 552 577 ou areaeducativacompostela@afundacion.org
VISITA GASTRONÓMICA
Con Vanessa Sende Cardoso
5 a 12 anos
Nenas e nenos poderán coñecer detalles gastronómicos relacionados coa temática expositiva de Guayasamín ao fío desta divertida visita-obradoiro de dúas horas de duración. Coñecerán os diferentes produtos dos antigos pobos indíxenas americanos (cacao, millo, diferentes froitas…) a través dos gravados do artista ecuatoriano. A seguir crearán unha mesa degustación, recreando un ambiente festivo con algúns deses produtos e aprenderán como co tempo se foron integrando na nosa cultura a través de diferentes elaboracións.
8 de xuño | 11.30 a 13.30 h
Prezo 9 € a través de Ataquilla.com. Reserva aquí a túa praza!
Límite de prazas (15 participantes)
Infórmate en aulacocinacompostela@afundacion.org ou no 981 552 577
A MOSTRA
A mostra conmemora o centenario do nacemento do pintor Oswaldo Guayasamín (Quito, 1919) e, ao mesmo tempo, o vixésimo aniversario do seu falecemento (Baltimore, 1999), ademais de ser o Ano Internacional das Linguas Indíxenas. Por todo iso, faise propicia para devolver á actualidade a incrible obra pictórica do artista.
En colaboración co Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes, presentamos dúas series de gravados: «De Orbe Novo Decades» e «Emocións». A primeira, unha análise sobre a vida indíxena e o fenómeno da descuberta, foi concibida para ilustrar unha edición facsimilar do libro de nome homónimo de Pedro Mártir de Anglería, publicado orixinalmente en 1516. Se o relato do humanista italiano inspirou as 57 ilustracións do mestre ecuatoriano, efectuadas nos anos oitenta do pasado século, esas mesmas litografías e augafortes, que se refiren ás visións mutuas entre dous mundos que tiveron lugar a partir de 1492, suxeríronnos unha nova ollada desde os textos históricos, literarios ou xornalísticos. Doutra banda, a serie «Emocións», denominada así pola propia Fundación Museo das Artes, a través de 20 litografías realizadas en España polo pintor quiteño, achéganos ao mundo dos sentimentos, outra das súas principais preocupacións pictóricas, onde, a dicir do propio Guayasamín, «puxen alí toda a miña alma e reflectín os temas máis eternos».
Comisariado e textos: Pilar Cagiao, profesora de Hª de América. Universidade de Santiago de Compostela
Deseño da mostra: José Luis Rey
«(…) coñecín un novo pintor ecuatoriano, de gran futuro, ao meu xuízo. Oswaldo Guayasamín (…) no que el quere pintar, aínda que con influencias fatais, vin o indíxena (…) porque sente con amor sinxelo, profundo, invariable (…)» Juan Ramón Jiménez.
«(…) un dos últimos cruzados do imaxinismo: o seu corazón é nutricio e figurativo, está cheo de criaturas, de dores terrestres, de persoas angustiadas, de tortura e de signos. É un creador do home máis espazoso, das figuras da vida, da imaxinación histórica». Pablo Neruda.
«Guayasamín é un pintor telúrico e solar (…), eu vexo a Oswaldo Guayasamín parado, firmes os seus pés sobre a terra e admirativo baixo o sol, recibindo todas as substancias que dá a selva emborrachada pola calor solar, no trópico; e a bafarada do chairo, na serra, azoutado tamén polo sol. E os ollos ben abertos, preguntando en actitude devoradora. Pregunta á terra xeradora de vidas e de mortes; pregunta aos homes, pacientes de dor ou extáticos de xúbilo». Benjamín Carrión.
«Pintei coma se berrase desesperadamente, e o meu berro sumouse a todos os berros que expresan a humillación, a angustia do tempo que nos tocou vivir. Coa esperanza de chegar un día para construír un mundo en que as culturas traballadas polos pobos ―como o oleiro fai o seu cántaro―, sexan coidadas como o campesiño coida con amor a terra e a súa semente». Oswaldo Guayasamín.
«Hai sentimentos comúns a todos os homes coma o odio, o amor, a tenrura, as aspiracións, as crenzas relixiosas, aínda que cada grupo humano teña distintas maneiras de expresar estas cousas profundas. Nos meus cadros quero referirme a estas paixóns totais do home. Pinto procesos de expresión da figura que van desde momentos de timidez ata os de furia, sen interesarme se son homes ou mulleres; nin o sexo nin outros atributos me interesan, só o xesto que denota o sentimento que é universal». Oswaldo Guayasamín.