A Sede Afundación de Vigo abre as súas portas a «Latexos na Colección de Arte Afundación», unha nova mostra que selecciona grandes obras da colección de arte, declarada BIC pola Xunta de Galicia. Podes visitala os xoves, venres e sábados ata o mes de xuño.
Novas visitas guiadas os xoves 7, 14, 21 e 28 de febreiro. Apúntate aquí.
Nesta nova revisión da Colección de Arte Afundación ofrécese unha ollada poliédrica sobre a súa diversidade, percorrendo as numerosas lecturas que permite unha colección desta riqueza e pluralidade. Buscamos escoitar os latexos que a manteñen máis viva ca nunca da man dalgunhas das súas obras máis destacadas e sorprendentes. A exposición bascula entre un punto de vista vencellado á historia da arte, desde o que se amosan técnicas artísticas, diferentes estilos ou a conexión coa historia; e un punto de vista temático con que podemos percorrer Galicia ou viaxar polo mundo, ademais de descubrir as reflexións que agochan as obras contemporáneas máis aparentemente lúdicas, todo isto sen esquecer o papel da muller como representada e como artista.