45 imaxes do fotógrafo palmeiro Abián San Gil, canda textos da poeta palmeira Elsa López, o chef José Andrés, o xornalista de viaxes Ander Izaguirre e o escritor de natureza Gabi Martínez conforman esta espectacular exposición sobre o fenómeno natural e as súas repercusións na súa comunidade. A psicóloga Belén Colomina tamén participa cun relato elaborado para a ocasión en que narra os conceptos fundamentais que conducen o ser humano á superación do drama, á busca de novos escenarios de vida, e á importancia de realizar esta aprendizaxe en comunidade e da man da natureza.
ENCONTRO INAUGURAL | con ALICIA FELPETO | 9 MAI | 18.30 h
Inscríbete AQUÍ.
ALICIA FELPETO é unha vulcanóloga do Instituto Xeográfico Nacional, entusiasta comunicadora, asesora de divulgación técnica e científica desta exposición. Na inauguración desvelaranos numerosas preguntas sobre a súa profesión e outras relacionadas co propio fenómeno natural. A que se dedica unha vulcanóloga? Cal é o termo correcto, volcanóloga ou vulcanóloga? Cal é o seu cometido cando non hai erupcións? É realmente necesario que existan especialistas que estuden os chamados "volcáns activos"?
A especialista tamén nos relatará a súa experiencia e reflexións persoais sobre a erupción en Cumbre Vieja. Unha ollada plural e altamente divulgativa sobre un fenómeno extraordinario.
Alicia Felpeto licenciouse en Físicas, na especialidade de Xeofísica pola Universidade Complutense de Madrid, e é Doutora en Físicas por esta mesma Universidade. Dedicou á Vulcanoloxía toda a súa carreira profesional, traballou en distintos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas e desde o ano 2007 traballa no Grupo de Vulcanoloxía do Instituto Xeográfico Nacional.
Os seus principais campos de especialización son a avaliación do perigo volcánico, a simulación numérica de procesos eruptivos e a vixilancia volcánica. A súa principal área de estudo é, loxicamente, as Illas Canarias. Porén, traballou noutras áreas volcánicas activas tales como Illa Decepción (Illas Shetland do Sur, Antártida), Illa de Sao Miguel (Azores, Portugal), Etna (Italia), Láscar (Chile) e A Garrotxa (Xirona, España).
Participou activamente nas dúas últimas erupcións acontecidas no Estado español: a erupción submarina do volcán Tagoro na illa do Hierro, e a erupción de 2021 en Cumbre Vieja na illa da Palma.
Neste proxecto, narramos a erupción do volcán desde moitas olladas e perspectivas. Unha moi importante, como non podía ser doutro xeito, é a científica. Para este cometido, e co obxecto de trasladar ao público unha información contrastada, contactamos co Instituto Xeográfico Nacional. Nesta institución, foi Felpeto a vulcanóloga que nos asesorou no contido de natureza técnica e científica que ofrecemos na mostra.
EXPOSICIÓN
A exposición ofrece, a través das 45 fotografías asinadas polo fotógrafo palmeiro, unha narración en primeira persoa sobre como se viviu este fenómeno desde a illa canaria para que, quen a visite, poida sentirse máis próximo á súa comunidade e aprender dos recursos emocionais que despregaron.
Sobre o seu traballo como fotógrafo ao comezo da erupción, Abián San Gil sinala: «intentei capturar todos os momentos posibles. Estiven horas antes de empezar no punto onde se iniciou e volvín para documentar todo desde o primeiro momento, de igual xeito que agora rexistro a reconstrución. A complexidade neste caso non reside só na parte técnica, senón no sentimento de impotencia».
A través desta mostra preséntanse as conmovedoras instantáneas dos momentos iniciais, nun percorrido temporal que chega ata a colaboración indispensable das persoas voluntarias e a emotiva evacuación da poboación, e finaliza cun apartado dedicado á espectacular beleza natural dunha illa que, non en van, se alcuma La Isla Bonita, coa espectacularidade das súas paisaxes e a riqueza do seu ceo nocturno, polo que se converteu na primeira no mundo en obter a certificación como Reserva Starlight da UNESCO. Un apartado que lembra que sempre hai un camiño para refacernos, sexa cal sexa o noso volcán particular.
A análise da erupción en Cumbre Vieja complétase cun módulo de divulgación técnica, con información confeccionada en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional e cunha sección onde nos achegaremos á outra cara do volcán, con aspectos menos coñecidos sobre as contornas volcánicas.
O obxectivo da proposta expositiva é ofrecer diferentes lecturas e niveis para que o público se poida aproximar á erupción dun volcán desde múltiples perspectivas: unha ollada documental a través das fotografías, unha mirada histórica a través do relato de realidade virtual, un achegamento científico-técnico a través dos módulos desenvolvidos en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional, unha lectura en clave social que se fai evidente cos testemuños presentes na sala, unha ollada emocional a través da reflexión psicolóxica de Belén Colomina e finalmente unha proposta impactante e poética pola propia intensidade e sensibilidade das imaxes.
REALIDADE VIRTUAL
Aberta ao público XOVES, VENRES E SÁBADOS en horario de exposición.
A exposición ofrece unha impactante actividade de Realidade Virtual. A través dunhas lentes de última xeración o ou a visitante poderá vivir en primeira persoa a impresionante erupción dun volcán, sentir o impacto do estrondo, a inquietude que conleva; pero tamén entender que o drama é tamén axente de cambio, motor de creación e porta para novos escenarios e nova vida. Unha experiencia impactante e estarrecedora que nos falará das leccións que podemos aprender da natureza e os seus tempos.
É a primeira vez que se leva un escaneado completo da coada e o cráter do volcán da Palma a unha experiencia con dispositivos de realidade virtual estereoscópica. E para iso realizáronse máis de 10.000 fotografías desde un dron de última xeración para lograr o escaneado completo. Trátase dun escaneado fotogramétrico (5 cm de erro) mesturado con simulación dixital de fume e lava incandescente para lograr unha sensación de inmersión total no fenómeno.
Nesta experiencia de realidade virtual, o ou a espectadora poderá voar sobre o volcán e ver toda a devastación provocada, mediante un voo desde a costa ata o cráter. Comeza desde o interior dunha casa humilde dunha familia de agricultores, horas antes de que a acabe engulindo o volcán de San Juan, no ano 49, e conta a historia de varias xeracións de agricultores sobrepoñéndose á devastación dos diferentes volcáns: un avó que o perdeu todo na catástrofe de San Juan no 49 e o seu fillo que, 72 anos despois, volve perder as súas terras por mor do volcán de Cumbre Vieja. Trátase dunha alegoría que achega unha mirada resiliente á destrución que xeraron os volcáns na illa da Palma, centrándose na súa capacidade para facer abrollar de novo a vida, e un canto ao espírito de superación do ser humano fronte á adversidade.
Carlos Seijo, creador do módulo de realidade virtual, subliña que esta é unha experiencia pioneira. Un proxecto desenvolvido polo noso equipo de Afundación para esta exposición.
A montaxe da mostra sorprende coa recreación dun espazo no que soa de maneira constante o auténtico ruxido do volcán de Cumbre Vieja e o laranxa da lava asolaga o espazo, nun xogo de sensacións extraordinario.
A exposición xorde da colaboración de Afundación coa Editorial Planeta, dinamizadora da publicación Más fuertes que el volcán, da que se conseguiron fondos destinados integramente á xente damnificada polo volcán de Cumbre Vieja.
PROXECTO SOCIAL
Sensibilizar a cidadanía e apoiar as persoas que se viron afectadas pola erupción do volcán Cumbre Vieja son as intencións deste proxecto. Neste contexto, ABANCA promoveu unha campaña entre os seus clientes e persoal para recadar fondos para a xente damnificada que reuniu 50.000 euros, entregados ao Cabido Insular da Palma. Ademais, a programación de Viaxes +60 promovida desde a Área de Envellecemento Activo de Afundación incluíu entre as súas propostas unha viaxe á illa da Palma en marzo, co obxectivo de contribuír á dinamización da economía local e á recuperación da actividade turística.
ACTIVIDADES EDUCATIVAS
INFANTIL A 3º PRIMARIA | VISITA CREATIVA | «Un dragón durmido que cuspe lume e non deixa de roncar»
4º PRIMARIA A 2º ESO | VISITA CREATIVA | «Drons a 1.000 graos. Viaxe ao centro dun volcán»
3º E 4º ESO, BACHARELATO, C.F. | VISITA COMENTADA | «O volcán de La Palma»
1 €/ ESCOLAR
Información e reservas en areaeducativalugo@afundacion.org ou no 636 991 776.