AVDA. DE PONTEVEDRA | OURENSE
Agora que temos perspectiva abonda para lembrar, revivir e reflexionar, e co obxectivo de documentar o extraordinario momento histórico que nos tocou vivir co confinamento xeral da poboación (15 de marzo - 15 de xuño 2020), presentamos esta exposición que xorde da mirada profesional dos nosos e das nosas fotoxornalistas sobre ese período en que todo cambiou. Podemos albiscar aquilo que non puidemos ver desde o encerro, e asemade recoñecer o labor de todas aquelas persoas que seguiron a saír á rúa para facer o seu traballo por ser esencial, e entre elas, as e os fotoxornalistas; porque dentro duns anos este rexistro fotográfico será clave para entender o que vivimos e como o vivimos.
Colabora: Concello de Ourense
A EXPOSICIÓN
Un percorrido en imaxes polo máis duro confinamento da pandemia, onde se reflicten situacións e vivencias que xa case temos borradas das nosas mentes ou que, desde as casas, nin sequera chegamos ver. Unha visión en detalle de tantas novas experiencias que a moitas persoas lles tocou vivir. Ficamos co poder máxico da resiliencia do ser humano ante fotografías que ispen o acontecido; o persoal sanitario extenuado, as estradas baleiras con paneis onde se prohibía a circulación, as relacións entre familiares e amizades reiventándose a través de novas canles, avoas e avós asistindo ás novas tecnoloxías para contactaren cos netos e netas, cidades absolutamente solitarias, transportistas sen lugares onde comeren ou durmiren ante o peche da hostalería, a chegada tímida do uso da máscara, o deporte clandestino desde os nosos fogares, en garaxes, faiados ou trasteiros, a incerteza cada día ante as roldas de prensa do presidente do Goberno... e moita conciencia global da importancia de nos mantermos nas nosas casas.
FOTOXORNALISTAS
Miguel Riopa (1967, Campo Lameiro, Pontevedra) coordina este proxecto expositivo.
Desde o ano 90 traballou como redactor gráfico nos xornais Xornal Diario, Diario de Pontevedra, Diario 16 de Galicia, La Voz de Galicia e El Mundo. Foi correspondente da Axencia EFE e de Associated Press. Na actualidade desenvolve a súa actividade profesional na Agence France - Presse, ademais de colaborar con varias editoriais e empresas dedicadas á comunicación empresarial. Ao longo da súa carreira de fotógrafo recibiu numerosos recoñecementos nacionais e internacionais.
Óscar Corral (fotoperiodista de El País Galicia), Mónica Vila (fotógrafa freelance), Agostiño (fotógrafo freelance, actualmente en La Voz de Galicia), Brais Lorenzo (fotoperiodista. Habitualmente en EFE noticias e Faro de Vigo), Miguel Muñiz (fotógrafo freelance), e Xoán A. Soler (La Voz de Galicia).
Desde a mirada profesional e persoal de diferentes xornalistas da fotografía, este proxecto aborda ópticas diversas do confinamento, desde as novas formas de relacionármonos, de traballar, de estudar, facer a compra, xogar... Unha composición visual deste fito histórico, recoñecendo o negativo que vivimos, pero tamén as repercusións positivas ao pasar máis tempo coas nosas familias. Ao mesmo tempo, moitas das instantáneas reflicten a crise sanitaria e o inmenso sacrificio dos equipos de traballo no sector e doutros relacionados ou que xogaron un papel especial en tempos de coronavirus. A todas esas persoas, con esta exposición, queremos mostrar o noso agradecemento e o de toda a sociedade.
A entidade internacional Museums Association publicou unha declaración que detalla como se debe abordar a recompilación e divulgación de material documental do Covid-19, salientando a importancia de facelo con «sensibilidade e respecto». Estes conceptos serán a base ética desta exposición, que nace como unha resposta de Afundación dentro do seu compromiso coa sociedade galega.
En palabras do coordinador da mostra: «A información constrúese con imaxes. Tamén a memoria. As imaxes daquilo que nunca puidemos ver porque estabamos confinados: as rúas eran un mundo solitario, alleo, desconcertante e durante preto de dous meses, vimos o que pasaba a través da mirada dos fotoperiodistas. Contáronnos o silencio das rúas, a actividade frenética do persoal sanitario pelexando cun virus do que apenas sabiamos nada. Foron esenciais. A mirada dun fotógrafo ve pola nosa. Nas semanas en albas co confinamento, ao retrato da mirada dun médico na xanela dun hospital non lle facían falta palabras. É fotoperiodismo. O relato está nesa mirada. E despois, na memoria.» Miguel Riopa.
Esta exposición, xunto con "Primavera tras a ventá", intégrase no proxecto dual Miradas desde o confinamento, unha reflexión en imaxes sobre as experiencias vividas ata o de agora coa pandemia da COVID-19. imaxes de particulares, que tamén contan as súas vivencias persoais, desde calquera contexto, ao redor da situación do confinamento.
PRIMAVERA TRAS A VENTÁ [+INFO]
Exposición centrada en imaxes de particulares, que narran as súas vivencias persoais ao redor do confinamento.
Esta exposición enmárcase na iniciativa CULTURA POR ALIMENTOS que levamos a cabo en colaboración con FESBAL e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Colabora coa túa doazón de alimentos non perecedoiros cando veñas ver a exposición.
AQUÍ máis información.
Esta mostra encádrase dentro do proxecto CORRENTE CULTURAL, unha aposta de ABANCA e Afundación para espallar cultura por toda Galicia, polos diferentes concellos e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.