MIRAR DE NOVO. A MULLER CONTRA O TEMPO aterra agora na Coruña para realizar unha nova lectura da historia da arte, tomando como punto de referencia as obras creadas por artistas mulleres. A Colección de Arte ABANCA fundamentalmente, canda unha serie de obras destacadas da Colección de Arte Afundación e diversas obras invitadas de prestixiosas coleccións públicas e privadas conforman o proxecto. Desta volta, podes visitala na Sede Afundación da Coruña con algunhas obras novas que non conformaron a mostra nas ubicacións anteriores coma as instalacións de Pamen Pereira ou Pilar Alonso, ou a caixa de luz de Yolanda Ferrer.
David Barro López e Diego Cascón Castro | COMISARIOS
Convidámoste ás visitas guiadas programadas todos os venres as 19.00 h ata a clausura da mostra. Apúntate aquí.
ARTISTAS
Chechu Álava | Helena Almeida | Mónica Alonso | María Blanchard | Lita Cabellut | Berta Cáccamo | Carmen Calvo | Elena Colmeiro | María Antonia Dans | Paz De La Calzada | María Xosé Díaz | Desiree Dolron | Almudena Fernández | Ana Fernández | Cristina Iglesias | Menchu Lamas | Maruja Mallo | Tatiana Medal | Julia Minguillón | María Elena Montero | Antía Moure | Shirin Neshat | Pamen Pereira | Fiona Rae | Bea Rey | Soledad Sevilla | Elisa Sighicelli | Susana Solano | Valeska Soares | Pilar Alonso | Yolanda Ferrer | Eva Carrera | Soledad Penalta
«Mirar de novo. A muller contra o tempo» constitúe unha proposta de reformulación da tradicional mirada ao canon da historia da arte, centrando o foco en creadoras que, contrariamente á tradicional exclusión das mulleres, si obtiveron recoñecemento amplo polo seu traballo. Nesta ocasión, e cumprindo cun dos eixes estratéxicos de Afundación a prol da difusión da cultura e do coñecemento, propoñemos un novo enfoque que permita facernos conscientes da creatividade e a potencia da arte feminina nos séculos XX e XXI.
Baixo o comisariado dos especialistas en arte David Barro e Diego Cascón Castro, coa supervisión e elaboración do texto analítico do catálogo da experta e crítica de arte Mónica Maneiro, seleccionáronse pezas realizadas por artistas mulleres de entre as obras pertencentes ás coleccións de arte ABANCA e Afundación, aos que se suman, en calidade de cesións, creacións procedentes do Museo de Bellas Artes de Asturias, da Colección DIDAC, Fundación RAE e coleccionistas particulares.
Unha das achegas destacables tamén desta exposición é a inclusión dun Timeline, como nova liña cronolóxica, conceptualizado por David Barro e deseñado por Cristina Moralejo. Este gráfico de picos ilustra, nunha múltiple liña de tempo, a evolución de movementos, tendencias e estilos desde o ano 1900 ata a actualidade, incorporando o nome de mulleres que foron parte destes movementos e a quen se lles negou a visibilidade e o recoñecemento que si obtiveron os seus coetáneos varóns. Unha relectura da historia da arte contemporánea que pretende facer xustiza sobre a participación das mulleres na arte. Xa que logo, esta exposición concíbese tamén como un compromiso de ambas as entidades coa consecución dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) marcados pola ONU. Neste sentido, trátase de avanzar no ámbito da igualdade mediante o reforzo de iniciativas concordantes co ODS 05 a prol da eliminación de calquera condicionante de xénero.
A mostra parte dunha esencia de creación artística feminina galega, para ampliar o contexto e comprobar como este movemento resoou en moi distintas latitudes. Desde a iconoclastia das Sen sombreiro, onde se pode situar a Maruxa Mallo, ata as renovacións varias décadas despois da man de Menchu Lamas, o século XX no que arranca a mostra caracterízase por constituír o prólogo a un novo paradigma autorial caracterizado pola vocación da inclusión en igualdade.
«Mirar de novo. A muller contra o tempo» complétase cun exhaustivo catálogo homónimo que conta cun texto analítico asinado por Mónica Maneiro e unha introdución dos comisarios David Barro e Diego Cascón Castro. En presentación trilingüe, está á disposición a modo de consulta breve en formato flippingpage [AQUÍ] e tamén se pode descargar ou adquirir na Tenda online da páxina web de Afundación:
DESCARGA O CATÁLOGO!
Mirar de nuevo. La mujer contra el tiempo (Fundación Galicia Obra Social, Afundación, 2020)
PROGRAMA EDUCATIVO | Todas as idades
- VISITA CONTO | DE FADAS MADRIÑAS E VARIÑAS MÁXICAS | INFANTIL A 3º PRIMARIA. Cada unha das artistas da mostra deixaranlles aos e ás máis pequenas variñas máxicas que lles contarán historias de paisaxes, naturezas protexidas e igualdade na diversidade. Un máxico e marabilloso mundo de creatividade.
- VISITA CREATIVA | BUSCA E CAPTURA O TALENTO | 4º PRIMARIA A 2º ESO. Un xogo de talentos, capacidade de comunicación e moita creatividade faranos reconstruír unha parte da nosa historia.
- VISITA DEBATE | MIRAR DE NOVO. A MULLER CONTRA O TEMPO | 3º E 4º ESO, BACHARELATO E CF. Un percorrido amplo e aberto sobre a arte contemporánea, onde cada unha das artistas nos amosará unha linguaxe, unha técnica artística e unha maneira de expresar.
1 €/ ESCOLAR
Información e reservas no 981 185 060 ou en areaeducativa@afundacion.org
Con todas as medidas de seguridade COVID-19.
Esta exposición enmárcase na iniciativa CULTURA POR ALIMENTOS que levamos a cabo en colaboración con FESBAL e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Colabora, achegando a túa doazón de alimentos non perecedoiros cando veñas ver a exposición.
AQUÍ máis información.
Actividade do Xacobeo 21-22
MEDIDAS DE PREVENCIÓN COVID
Exposición con todas as medidas de seguridade pertinentes para que poidas volver gozar da arte e a cultura como o fixeches sempre.
-Asistencia obrigada con máscara
-Control da capacidade
-Itinerarios e percorridos marcados para fluidez de público
-Xel hidroalcólico en múltiples puntos dos edificios e salas
-Desinfección rigorosa de espazos
-Substitución de elementos táctiles e de man (pantalla, interactivos, folletos) por outros elementos audiovisuais que non requiren de contacto físico
-Supervisión en sala por parte de persoal para o cumprimento da distancia de seguridade