Magín Blanco volve ao teatro con novo espectáculo de A nena e o grilo. A programación para escolares Afundación Obra Social ABANCA 2019-2020 acolle a obra para rapazada de 1º e 2º de Educación Primaria.
Estas actividades son só para escolares.
CALENDARIO
Ferrol 27 NOV. | Santiago 28 NOV. | Pontevedra 2 a 4 DEC. | Ourense 9 DEC. | Lugo 10 DEC. | Vigo 11, 13, 17, 18 DEC. e 9 XAN. | A Coruña 19 DEC.
Música/teatro
Magín Blanco
Galego | 60 minutos
1º e 2º de Educación Primaria
Esta nova montaxe de A nena e o grilo conta, a través da amizade, a cooperación, a tolerancia e a superación dos medos, unha historia onde os protagonistas esmagan sen querer a súa amiga Xertrude a Araña... Buscando o xeito de devolverlle a vida, topan cuns artistas ambulantes que os guiarán a través da maxia e da música ao País dos Mortos. Alí tentarán encontrar a Xertrude para traela de volta. Este espectáculo ten libro publicado na colección Sonárbore da Editorial Galaxia, de 2019.
ARTES ESCÉNICAS para escolares
A programación educativa de Afundación busca establecer valores na aprendizaxe, favorecendo o pleno desenvolvemento na transición cara á
idade adulta. Concretamente, esta obra trata o respecto á natureza, afondando na importancia de reducir, reutilizar e reciclar; a convivencia ou a necesidade da interacción entre as persoas e o medio ambiente.
Descubrir toda a maxia do teatro, a emoción dun concerto ou a beleza da danza son só algunhas das sorpresas que se agochan entre os pregos dun pano que Afundación Obra Social ABANCA levanta para os públicos máis novos. As artes escénicas son unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación do alumnado, posibilitar o diálogo e a reflexión, desenvolver habilidades sociais e xerar coñecemento. Ademais, complementan a súa formación académica, aprendendo normas de convivencia concretas en espazos comúns e compartindo con outras nenas e nenos experiencias novas e diferentes ás que se realizan na aula. Valores coma a tolerancia, a amizade, a xenerosidade, a perseveranza ou o esforzo transmítense dun modo próximo e natural neste tipo de contextos. O obxectivo é que as máis novas e novos se divirtan e aprendan compartindo.