Novo encontro para a comunidade educativa o 9 de novembro na Sede Afundación de Santiago de Compostela. A doutora en Psicoloxía Patricia Gómez Salgado trae a charla "Sentir, actuar e medrar nas redes" para dar información sobre os retos que a día de hoxe implica o uso da Internet por parte da adolescencia. Un espazo de conexión, relacións, aprendizaxe e divertimento, mais tamén un escenario que atrae problemáticas que debemos ter presentes para previr. A especialista vainos falar de todo isto neste encontro para escolares a partir de 5º de educación primaria. Poden apuntarse para asistir presencialmente na Rúa do Vilar, ou seguila a través de AfundaciónTV en streaming.
Este encontro vencéllase á obra de teatro AMANTIS para escolares, que está o 24 de outubro en Compostela, o 26 na Coruña e o 2 de novembro en Vigo. Non é necesario asistir á obra para acceder a esta charla.
Quen somos?, de onde vimos?, a onde vamos? A adolescencia é etapa de moitas preguntas e algunhas respostas. As redes sociais tradicionais (familia, amizades, comunidade educativa...) poden axudar a facernos algunhas delas e a contestar outras. Pero un dos espazos de interacción e de creación da propia identidade máis potente hoxe para a adolescencia é Internet, en xeral, e as redes sociais dixitais, en particular. Nelas atopamos retos e dificultades clásicas (fenda xeracional, construción da identidade, busca de sensacións, balance da autoestima, sentimento de pertenza, busca de popularidade, acoso, sexismo, machismo....), e outras novas (límites da privacidade, hiperconexión, hate, ghosting...), así como espazos para o crecemento, a diversión, a conexión, e tamén a evasión. Que din os nosos mozos e mozas sobre isto? Escoitarémolos e reflexionaremos de maneira conxunta, pois educar no século XXI implica coñecer este escenario dixital no que todas e todos interpretamos un papel. Promover que o fagan de maneira saudable, consciente, crítica, respetuosa e xenuina son clave para a prevención.
PATRICIA GÓMEZ SALGADO é doutora en Psicoloxía (2015), Máster en Xestión e Dirección de Centros de Servizos Sociais (2014), Máster en Saúde Pública (2016), e especializada en Educación Emocional (2018). Dende 2012 forma parte do grupo de traballo da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde desenvolveu a súa tese titulada O uso problemático de Internet e as Novas Tecnoloxías entre os adolescentes galegos. Ten desempeñado labores de docencia universitaria na USC, na Universidade de Vigo e na Universidade Internacional de Valencia. E, na actualidade, é xestora de investigación na Unidade de Asesoramento Científico-técnico da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (avalia-t - ACIS).
CICLO EDUCACIÓN S. XXI
Un programa de conferencias para dar a coñecer as últimas tendencias, estudos e teorías sobre Educación a toda a comunidade escolar, desde as familias ao propio estudantado e, por suposto, ao equipo docente. Grandes especialistas xa pasaron polos nosos edificios nas distintas cidades galegas, ofrecendo o seu enfoque profesional para apoiar a educación desde a casa e desde a escola.
MÁIS INFO AQUÍ.
Conferencia con Patricia Gómez Salgado sobre redes sociais e adolescencia