Ciclo de concertos BUTACA DE JAZZ 2023. A Coruña

Este ciclo de concertos forma parte do programa «Cultura por Alimentos».
Para acceder a cada un deles, ademais de presentar a invitación de Ataquilla.com (máis información abaixo), deberá facerse unha doazón de alimentos que serán recollidos na entrada do auditorio. As persoas que acudan sen alimentos e desexen asistir ao concerto poderán adquirir unha entrada na billeteira do propio auditorio. O prezo desta entrada será de 10 euros, que será destinado á adquisición de alimentos para o Banco de Alimentos Rías Altas.
Este mes de novembro dá comezo a cuarta edición do ciclo de concertos BUTACA DE JAZZ na Sede Afundación A Coruña cun cartel que inclúe os nomes de Alberto Vilas, Rita María e Filipe Raposo e a banda Sumrrá.
PROGRAMA
ALBERTO VILAS | 17 NOV | 20.30 h | Reservas AQUÍ
RITA MARÍA & FILIPE RAPOSO | 24 NOV | 20.30 h | Reservas AQUÍ
SUMRRÁ | 1 DEC | 20.30 h | Reservas AQUÍ
ALBERTO VILAS
Músico de formación clásica, nas súas orixes estudou piano con Chan-Rok Moon e composición con Carlos Cambeiro Alís no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Perfeccionou a súa técnica canda xente do talle de María Jesús Crespo ou Luiz de Moura. É un dos membros máis antigos do prestixioso cuarteto de tango Tangata. Leva gravado diferentes traballos con artistas coma Eduardo Nogueroles. Realizou varios cursos de música e grafías contemporáneas coa prestixiosa pianista francesa Martin Joste (colaboradora de John Cage). Moi interesado polo Jazz adéntrase nese mundo da man do pianista Manuel Gutiérrez para continuar logo formándose no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra con Paco Charlín e Abe Rábade.
Recibiu formación de músicos como: Perico Sambeat, Miguel Zenón, Jonh O’ Gallagher, Jonathan Kreisberg, Ambrose Akinmushire, Jonathan Blake, Brannen Temple, Jesús Santandreu, Arturo Serra, Logan Richardson, Greg Ruggiero ou Joe Sanders, entre outros.
En maio de 2017 recibe o Premio MARTÍN CÓDAX da Música na categoría de Música clásica-contemporánea polo seu traballo "UNIVERSO LEM".
Na actualidade é profesor de piano e pianista acompañante do departamento de Canto, Violonchelo, Violín, Contrabaixo, Banda e Orquestra no Conservatorio Profesional de Música “Manuel Quiroga“ de Pontevedra, logo de ter exercido o seu labor profesional como docente nos Conservatorios de Lugo e no Superior de Vigo. En Butaca de Jazz presenta o seu proxecto a piano solo chamado “Naialma”.
RITA MARÍA & FILIPE RAPOSO
Rita María | Canto e Composición
Filipe Raposo | Piano e Composición
Neste traballo ‘The Art of Song [When Baroque meets Jazz]’ exploramos o universo musical formal do extenso período barroco asociándoo á liberdade estilística da improvisación e do Jazz. Cohabitan nun territorio propio as influencias musicais que os forman artisticamente –a música erudita, o jazz e o cancioneiro tradicional– son, por tanto, premisas para este disco e aparecen reflexadas nas composicións que escriben. As similitudes entre os dous xéneros son numerosas, pero con todo algo destaca: as súas melodías tecidas por un ADN intemporal que gardan e transportan secretamente na súa memoria afectiva.
SUMRRÁ
Tras 21 anos xuntos, e centos de concertos por medio mundo, o trío de jazz galego máis internacional presenta o seu sétimo disco: SUMRRÁ 7 VISIÓNS.
O pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido, dan a luz un novo traballo discográfico que supón a consolidación dunha forma de entender a música ao vivo única. Unha madurez e unha frescura case inconvebible hoxe en día, que fan do trío de Jazz galego, un grupo de culto que foi sumando adeptos ao longo de todos estes anos, a través dos seus discos, dos seus concertos e das súas xiras. Seúl, Marrocos, París, Beiging, Shangai, México, Portugal, Nicaragua, Bolivia, Sudáfrica, Guatemala, O Salvador, etc.
Neste último álbum, SUMRRÁ fai o exercicio tan inspirador de coller perspectiva, e reformularse a través da música a nosa propia existencia. Os tres músicos afincados en Compostela miran con novos ollos ao Sapiens sapiens, ao Espazo interior que habita dentro de cada un de nós ou a Ra, o astro Rei, fonte de toda vida. Reflexionan sobre a nosa eterna posición na Periferia Universal, ou á permanente danza das Forzas Gravitatorias. Contan a través da súa música que foi o que aconteceu 13.700 millóns de anos despois, ou por que son 7 os graos que separan Asuán de Alexandría. Un resultado tan sorprendente como revelador. 7 visións lúcidas, implacables, xeniais... O mellor álbum de SUMRRÁ xa está aquí.