WOS Festival X Son Estrella Galicia. Santiago de Compostela

WOS Festival é o evento musical anual que asenta en diferentes edificios históricos de Santiago de Compostela, máis dunha ducia, durante a semana do 11 ao 15 de setembro. Cinco días en que se oferta cultura alternativa e de vangarda. Trátase de concertos con artistas independentes da escena internacional e tamén local, apoiados noutros encontros de artes escénicas, audiovisual e mesmo cinema, charlas ou degustacións gastronómicas. Ven gozar de ambientes exclusivos e íntimos descubrindo novos códigos culturais. Todo o evento é unha ruta turística, arquitectónica e artística pola cidade, o enclave perfecto para unir tradición e vangarda, achegando localizacións cun forte carácter en que vivir experiencias inesquecibles.
A Sede Afundación Santiago, tamén coñecida coma a Casa Grande do Pozo, é un dos edificios que acolle a proposta, ofrecendo o apartado WOS TALKS, debates sobre música e cultura con relevantes especialistas e artistas do panorama independente:
WOS TALKS
Venres 13 set. | 16.00 h
«Políticas de clubbing: inclusividade, clubs nómades e confrontación do novo elitismo»
Un debate sobre como está a cambiar a nosa imaxe de club ou espazo club a nivel internacional coa aparición de entidades como JANUS, GHE20G0TH1K, etc: festas nómades onde o baile se concibe doutra forma igual de liberadora, pero máis en consonancia cos tempos que corren. Festas inclusivas ao 100 % que loitan por non parecer elitistas, mais que xeran as súas propias esferas da mesma forma, sen centrarse unicamente nun único espírito ou estilo musical como referente.
Modera:
Mónica Franco (AKA Topanga Kiddo) é dealer e digger musical desde que funciona a súa memoria. O seu apego pola electrónica, a música negra e a world music apréciase desde os seus principios en diferentes medios (Ràdio 4, Rocket Magazine, CaraB Mag, PlayGround Mag, GoMag, Beatburguer…). Comparte o momento nacional electrónico cos membros de Brrrrrap, colectivo ao que se une en 2012 e co que leva sete anos tratando de atopar os sons das pistas de baile do futuro.
Participan:
Elena Colombi. Nada en Italia e criada por unha familia pouco convencional, mudouse a Londres fai máis dunha década e comezou a organizar unha serie de
festas que lle gañaron un nome na escena underground. Actualmente respectada DJ e locutora na emisora NTS, o estilo musical de Elena emprega unha ampla gama de influencias e inspiracións. Allea ás tendencias, Colombi abraza os mellores elementos do pasado e o futuro, prestando especial atención aos artistas descoñecidos.
Jacob Maskell-Key (AKA Spooky-J) é un baterista de jazz e produtor musical con base en Kampala, UG e Amsterdam, NL. En 2017 viaxou xunto ao produtor Pete Jones a Kampala (Uganda). Xuntos compuxeron, ensaiaron e gravaron un conxunto de pezas en vivo, inspiradas nos primeiros experimentos de club do Nilotika Cultural Ensemble. Ditas gravacións convertéronse no primeiro EP do selo discográfico Nyege Nyege, rama do que é considerado o festival de música máis importante de África Oriental. Os seus fundadores, Derek Debru e Arlen Dilsizian, forman parte dun colectivo artístico para difundir o emocionante desenvolvemento da escena de África Oriental mediante unha axencia de management e as lendarias festas Boutiq Electroniq.
Sábado 14 set. | 13.00 h
«Utopías folk: a validez da tradición e as raíces musicais nos tempos da descentralización»
A pregunta é simple: segue a existir hoxe en día o folk? Non exactamente a canción tradicional se non a creación autónoma e consciente dun son baseado nos elementos de cada rexión. En tempos nos que a identidade cultural se dilúe e calquera brote artístico localizado é susceptible de ser engulido polo márketing, vemos como nalgunhas zonas do globo se segue a respectar o folclore como base musical. Exemplos coma o Shanggan Electro ou o Singeli xorden en África como transformacións modernas de correntes musicais que se remontan a séculos de antigüidade. Sería posible unha linguaxe electrónica feita con instrumentos procedentes de cada rexión ou estamos ante unha utopía? Dito isto, que significaría hoxe “folk”: un estilismo ou unha idea que se transformará no futuro coas comunidades dixitais?
Modera:
Víctor Flores é xornalista, DJ, comisario e programador cultural. Foi residente, co-programador e responsable de prensa do club Vademecwm (Vigo) e membro fundador do Colectivo SINSALaudio, ademais de responsable de márketing cultural de Red Bull. Ao longo da súa dilatada carreira pasou por diversos estilos da electrónica e percorreu numerosas salas e festivais. Tamén destacan as súas incursións en proxectos afastados da pista de baile e de corte máis experimental, como Lost in Sound (CGAC, Santiago de Compostela), IFI (Pontevedra), ou o ciclo ‘O son dos poetas’, organizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, musicando os poemas do escritor e xornalista Anxo Quintela. Tamén pinchou en eventos coma a Feira Internacional de Arte Contemporánea (ARCO), o Festival de Cinema de Xixón ou o festival MID_E.
Participan:
Camille Hédouin (AKA Mounqup) chegou a Galicia desde o seu Nantes natal en 2011 para instalarse na aldea de Pardavedra (A Bola, Ourense) e formar parte do proxecto de recuperación da aldea de Saumede. Integrouse axiña, aprendendo o galego, idioma que utiliza nas súas composicións xunto ao francés e o inglés. A súa visión da música electrónica conecta directamente coa islandesa Björk, mais tamén con Animal Collective, Grace Jones, The Knife ou Tune-Yards. O seu último traballo, ‘Castro Verdi’ (Molho, 2018) supón un paso adiante na súa carreira ao aventurarse na electrónica con tinguiduras tribais e a experimentación con música incidental. Algúns medios defínena como worldtrónica aínda que ela prefire falar de “electrónica vogal rural”.
Faia Díaz Novo (De Vacas, Coro Encaixe, Apatacón) acaba de presentar o seu primeiro disco en solitario ‘Ao cabo leirín’, producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e no que a cantautora une canto tradicional e espazos sonoros atemporais baixo unha mirada persoal do cancioneiro galego transmitido por mulleres. Toda unha posta en valor da tradición oral e das voces femininas cun disco experimental gravado en rigoroso directo e no que Faia homenaxea a súa terra, Os Ancares, empregando a súa variante dialectal e demostrando a riqueza da lingua galega. Unha reivindicación do rural, os costumes e a cultura popular galega pola vía da experimentación, mais tamén un diálogo de ida e volta co pasado, que aspira a dotalo de continuidade, reinventalo e acomodalo ao presente.
Xandre Outerio é un músico de ampla traxectoria no campo da música tradicional. Formou parte de O Tear de Lerena e A Máquina de Meter Medo, ademais de colaborar con grupos e artistas como PelDeNoz e Nelson Quinteiro, e traballar en producións para bandas sonoras de documentais e propostas audiovisuais xunto a Marta Verde. En '...de Infinitum', o seu último espectáculo con Projecto [´ Trepia], conviven música, danza, sampleo de bases e, sobre todo, "de-construción, que non destrución" da tradición musical galega, empregando para iso tomas acústicas de instrumentos tradicionais, fragmentos de gravacións de campo, o uso da zanfona electro-acústica como principal instrumento solista e as voces e percusión en directo.
Infórmate de todo canto ofrece o WOS Festival este 2019: programa de concertos, música de club, conferencias, obradoiros, cinema documental, instalacións, exposicións, actividades de showcooking, degustación gastronómica... Todo ao detalle en www.wosfestival.es