Visitas guiadas á exposición ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO. Unha exposición SIMULTÁNEA, Espazo +60 Lugo

Co gallo do 10º aniversario de Afundación, Obra Social ABANCA, convidámoste a unha festa creativa que celebra por toda Galicia a arte e a cultura a través do macroproxecto SIMULTÁNEA: con sete exposicións, en sete cidades. A Colección de Arte Afundación é o eixe deste traballo minucioso que se expón a un tempo nos nosos espazos culturais. A Sede Afundación Lugo acolle unha destas múltiples mostras, ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO, un periplo expositivo multidisciplinar para coñecer a riqueza creativa da historia da arte de Galicia desde o século XIX ao XXI, afondando na simboloxía das paisaxes costeiras, tan definitoria de boa parte da identidade galega.
Galicia é mar, Galicia é océano; existe unha relación ancestral entre a nosa comunidade e a auga que a baña. Mil cincocentos quilómetros de costa, rías únicas no mundo, portos agachados e outros expostos fixeron de Galicia este territorio singular onde a terra remata e o mar comeza. Ese lugar onde o mar foi, é e será protagonista da nosa historia, como un elemento clave na nosa cultura, sociedade e economía.
Alén da perspectiva naturalista, o tema mariño é abordado polos artistas plásticos galegos desde múltiples puntos de vista cunha gran riqueza iconográfica e simbólica. A paisaxe mariña pode amosar as facetas propias do mundo romántico, belo e sublime, ou aproximacións ao irreal a través das profundidades, os naufraxios e todo o oculto que habita nos fondos mariños, espertando a nosa imaxinación no terreo do inalcanzable.
Ese mar de beleza inconmesurable, fonte de vida, con apracibles mareas e ondada cruel, serve como medio de expresión para as obras que compoñen esta exposición. Preto de medio cento, condensan a mirada de outros tantos artistas galegos que nos levan a navegar por este universo, sentir a súa forza inabarcable, recoñecer o traballo dos nosos homes e mulleres, mergullarnos en lugares só conquistados pola imaxinación ou abordar cuestións transcendentais como a importancia da súa preservación e sostibilidade.
Ao tempo, a exposición propón un percorrido transversal polo desenvolvemento das artes plásticas en Galicia desde o século XIX ata a actualidade. Desde un realismo ateigado de elementos naturalistas, pasando pola visión máis lírica e sintética da paisaxe, ata chegar a propostas conceptuais. Este proxecto transcende os postulados meramente estéticos para amosar unha mirada multidimensional dun elemento esencial da nosa historia e cultura.
Trinta e un artistas e trinta e catro obras de arte conforman ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO, que conta con nomes como Urbano Lugrís, Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Vari Caramés, Prego de Oliver ou os lucenses Tino Grandío, Antonio Murado e Christian Villamide.
Esta actividade enmárcase na iniciativa solidaria CULTURA POR ALIMENTOS que levamos a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Colabora, achegando a túa doazón de alimentos non perecedoiros cando veñas recoller a túa invitación ou no auditorio o propio día do evento.
Actividade gratuíta. Prazas limitadas.