Visita guiada especial á exposición Ferrol no Tempo con testemuños reais, Espazo +60 Ferrol

O 10 de xaneiro seis socios do Espazo+60 Afundación de Ferrol ofrecerán os seus testemuños aos visitantes á exposición FERROL NO TEMPO. María Luisa e Mª Carmen Souto, netas de Ángela Ruíz, creadora do primeiro libro electrónico; Pilar Alves, filla dunha das catro mulleres que debutaron con Toxos e Flores no teatro Jofre hai 100 anos; Fina Álvarez, traballadora de PYSBE; Loli Fontán, única muller informática do estaleiro ASTANO; Pilar Baliño falará dos fielatos e o acceso á cidade a través das antigas portas da muralla con pagamento de impostos; Ángeles Rodríguez, quen montou unha confeitería de éxito co diñeiro doado pola Fundación Amboage e Santos Vidal, falará das escolas obreiras e da escola de aprendices de Bazán.
O obxectivo da mostra FERROL NO TEMPO é reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade galega en xeral e da área de Ferrol en particular, explorando a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio nunha cidade caracterizada por exemplificar un dos mellores núcleos de urbanismo ilustrado na Península Ibérica, pola súa evolución no século XVIII. Ese Ferrol Ilustrado, o da Magdalena, o Arsenal e as defensas militares da ría, aspira a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Actividade gratuíta.