Visita guiada á ría de Pontevedra: illa de Tambo, Combarro e xardíns do pazo de Lourizán, Espazo +60 Vigo

O Espazo +60 Afundación de Vigo organiza unha visita guiada á ría de Pontevedra para visitar a illa de Tambo, a fermosa vila de Combarro e os xardíns do pazo de Lourizán. Despois da visita á illa de San Simón, Afundación ofrece a oportunidade de visitar a illa de Tambo, illa moi descoñecida, xa que o acceso non estaba permitido agás autorización expresa, debido ao seu uso militar como polvoreira por parte da Escola Naval de Marín. Desde hai pouco está xestionada polo Concello de Poio. De forma piramidal cunha altura máxima de 80 metros e 28 hectáreas, a illa ten moita historia que coñeceremos nesta visita, facendo un percorrido guiado.
Embarcaremos no porto de Combarro. O barco sae ás 10.15 horas. Ao desembarcar daremos tempo libre para pasear e xantar en Combarro. A idea é que, ao igual que nas rutas de sendeirismo, cada un leve a súa comida/bocadillo ou ben poida comer pola súa conta nalgún establecemento de Combarro, tendo en conta que hai que cumprir os horarios.
Despois de xantar visitaremos os xardíns do pazo de Lourizán, hoxe centro de investigacións ambientais e forestais. Ademais do edificio do pazo, obra de Jenaro de la Fuente Domínguez, ten unha zona de parque e xardín moi extensa, cunha grandísima variedade de árbores, antigas fontes e outros moitos elementos de interese.
PROGRAMA:
09.00 horas, saída do autobús en VIGO desde a Sede Afundación, en Policarpo Sanz, 2; e en PONTEVEDRA, desde Ponte da Barca, 09.30 horas (Só á volta, o autobús parará tamén en praza de España-Vigo)
Prazas limitadas (mínimo 20 participantes). Apúntate no Espazo +60, mandando un correo a mais60vigo@afundacion.org ou chamando ao 986 223 337 / 986 120 071 antes do 16 de xuño, ás 13.30 horas. Ao anotarte tes que dar o teu nome e o número de DNI. Se tes menos de 18 anos, debes facilitarnos a túa idade.
IMPORTANTE:
A actividade non se suspende pola choiva, a non ser que haxa alerta meteorolóxica.
A PUNTUALIDADE é obrigada, debes estar na parada 5 minutos antes da saída do autobús.
Se te anotaches e non vas poder asistir, envía un correo a mais60vigo@afundacion.org, polo menos, con 24 horas de antelación
PREZO (inclúe autobús, guía, barco e seguro):
- Adultos: 30€
- Nenos (ata 18 anos): 20€