Visita guiada á exposición "Espazo aberto e natureza", Espazo +60 Ourense

O 10º aniversario de Afundación, Obra Social ABANCA trae unha festa creativa que celebra por toda Galicia a arte e a cultura. A través do macroproxecto SIMULTÁNEA: sete exposicións, en sete cidades, a Colección de Arte Afundación pasa a ser analizada e organizada como nunca antes, creando un diálogo entre obras, épocas e autores que centra o foco en elementos identitarios de Galicia, alén da habitual orde cronolóxica. Unha das mostras do proxecto é ESPAZO ABERTO E NATUREZA, na Sala de Exposicións Afundación Ourense, que recolle obras clave da historia da arte de Galicia desde o século XIX á actualidade, sobre o espazo natural.
Desde unha perspectiva artística, o espazo natural é o afastado do humano, libre da nosa intervención, e que cativa a nosa atención, conmove as nosas emocións e serve de revulsivo para a reflexión desde o momento en que pasou de ser escenario a protagonista da arte.
Para entender o lugar que ocupa a natureza na nosa cultura, é moi útil regresar a fontes grecorromanas como as Bucólicas de Virxilio, que abren a ventá a aquela Arcadia idealizada a través de diálogos entre pastores, ou á Historia natural de Plinio o Vello, unha auténtica enciclopedia de carácter descritivo cunha gran presenza de vida salvaxe en todas as súas formas. Non será ata o século XIV cando xurdan testemuños dunha percepción máis íntima e contemplativa da paisaxe a través de exemplos como A ascensión ao Mont Ventoux, de Petrarca, na que a relación coa natureza evoluciona cara a unha expresión máis rica, complexa e reflexiva.
Estas diferentes visións do natural ao longo da historia conducen inevitablemente a diversas formas de representación da paisaxe na arte, o que acabou por asentar a súa consideración como xénero independente no século XVIII. A partir dese momento, ábrense múltiples posibilidades á temática paisaxística, que pode ser tanto fidedigna como imaxinativa, sublime ou temperada, de liña ou de cor; pode ser tanto a impresión da orografía como a expresión daquilo que os artistas senten ante á natureza. Nas obras da Colección de Arte Afundación contemplamos microcosmos presentes nun relato plural que transita desde o clasicismo romántico, pasando polo rexionalismo, ata chegar á abstracción a través da produción de case medio cento de artistas que ilustran a diversa e potente presenza da natureza e a paisaxe na creación artística galega desde o século XIX ata a actualidade. Os lugares da memoria, a Galicia máxica ou a melancolía son algúns dos temas que con frecuencia visitan os artistas galegos nas súas representacións paisaxísticas.
Corenta e dúas obras e trinta e nove artistas constitúen esta exposición, onde destacan artistas como Castelao, Serafín Avendaño, Imeldo Corral, Manolo Paz e os vinculados a Ourense como Jaime Quessada, Antón Pulido, Virxilio Fernández ou o internacional Dario Basso, moi vinculado á cidade das Burgas.
Esta actividade enmárcase na iniciativa solidaria CULTURA POR ALIMENTOS que levamos a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Colabora, achegando a túa doazón de alimentos non perecedoiros cando veñas recoller a túa invitación ou no auditorio o propio día do evento.
Actividade gratuíta. Apúntate no Espazo +60.