Visita guiada á exposición ABSTRACCIÓNS E MENSAXES CIFRADAS, Espazo +60 Pontevedra

Con motivo do 10º aniversario de Afundación, Obra Social ABANCA, convidámoste a unha festa creativa que celebra por toda Galicia a arte e a cultura a través do macroproxecto SIMULTÁNEA: sete exposicións, en sete cidades. A Colección de Arte Afundación é o eixe deste traballo minucioso que se expón a un tempo nos nosos espazos culturais. O Café Moderno Afundación Pontevedra acolle unha destas múltiples mostras, ABSTRACCIÓNS E MENSAXES CIFRADAS, un periplo expositivo multidisciplinar que revela a interpretación dos estados de ánimo a través do movemento da abstracción en Galicia, con obras desde o século XIX ata o XXI.
A palabra «abstracción» provén do latín abstrahĕre, que quere dicir «arrastrar lonxe, separar», o que, en sentido figurado, é o que implica a abstracción: apartar algo do seu contorno, illalo, para comprendelo. Na arte, a abstracción refírese á representación non figurativa dos elementos plásticos da composición ―o punto, a liña, a cor, a xeometría ou os materiais en si mesmos―, centrándose nas formas esenciais, todas elas abstraídas da realidade sensible.
O mundo non figurativo ten unha extensa historia previa ao movemento abstracto contemporáneo, e que podemos contemplar desde os patróns repetitivos do Neolítico, pasando polas páxinas dos códices medievais, ata a antecámara da abstracción coa luz de Turner ou o Goya máis serodio. Pero non será ata finais do século XIX e principios do XX cando encontremos unha clara intencionalidade grazas á obra da pioneira Hima af Klint, que amosa unha abstracción de corte xeométrico, anticipando a irrupción rotunda desta tendencia.
A arte contemporánea utiliza formas abstractas para interpretar o mundo de maneira subxectiva. Decote, busca transmitir emocións e estados de ánimo a través da combinación de cores, texturas e formas. Non polo feito de carecer de figuración carece de mensaxe, antes ao contrario, estas obras son unha poderosa canle de comunicación para inquietudes, sensacións e mensaxes, creadoras dunha linguaxe visual propia, que provoque unha experiencia emocional no espectador.
En Do espiritual na arte (1911), Kandinsky abordaba os principios da abstracción poñendo grande énfase na teoría da cor de Goethe, así como na relación coa música e a psicoloxía. Algunhas destas forzas serviron de referencia para a análise destas obras da Colección de Arte Afundación, xa que todas elas abordan a forza expresiva, a capacidade de comunicar e a potente personalidade creativa da abstracción en Galicia.
Trinta e cinco obras e trinta e tres creadores cun forte vínculo coa cidade e a provincia pontevedresas como Laxeiro, Lodeiro, Leopoldo Nóvoa, Berta Cáccamo, Guillermo Monroy ou Álvaro Negro.
Esta actividade enmárcase na iniciativa solidaria CULTURA POR ALIMENTOS que levamos a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Colabora, achegando a túa doazón de alimentos non perecedoiros cando veñas recoller a túa invitación ou no auditorio o propio día do evento.
Actividade gratuíta. Prazas limitadas. Apúntate no Espazo +60.