Tenda solidaria a favor de ADACECO, Espazo +60 A Coruña
As persoas socias do Espazo +60 Afundación da Coruña poñen en marcha unha tenda solidaria, cuxos beneficios se destinarán a ADACECO (Asociación de Dano Cerebral Adquirido da Coruña).
Todo o recadado destinarase a ADACECO, Asociación de Dano Cerebral Adquirido da Coruña, creada no ano 2000 por persoas afectadas e as súas familias. É unha entidade sen ánimo de lucro que traballa por e para as persoas afectadas por unha lesión nas estruturas cerebrais cuxa orixe non é hereditaria nin dexenerativa senón que é produto dun dano cerebral súbito (ictus, accidente cardiovascular, falta de osíxeno no cerebro..) e o fin da Asociación é contribuír a mellorar a súa calidade de vida a través dunha atención interdisciplinar e uns servizos de rehabilitación especializados e adaptados ás necesidades de cada persoa que sufran un dano destas características.
O acto de inauguración, aberto ao público en xeral, terá lugar o martes 7 de maio, ás 17.30 horas, no Espazo +60 Afundación da Coruña.
Esta actividade está enmarcada dentro do programa "O valor da experiencia" da área de Envellecemento Activo, que ten como obxectivo potenciar o papel activo dos maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades de voluntariado.